Última semana para visitar “Grandma”, a mostra da artista visual María X. Fernández que acolle a sede da Deputación en Vigo
A mostra, comisariada por Elena Bangueses, xira arredor da confrontación do traballo pautado e dirixido co traballo libre e a creatividade
03/01/2024
Última semana para visitar na sala Maruja Mallo da sede da Deputación en Vigo a exposición “Grandma”, da artista visual María X. Fernández. A mostra, comisariada por Elena Bangueses, xira arredor da confrontación do traballo pautado e dirixido co libre e o creativo. Faino a partir da revista Labores del Hogar, coleccionadas pola súa nai desde os anos 70, manipulando o papel extraído e reflexionado de xeito visual e conceptual sobre as relacións entre a creatividade feminina e a liberación artística.
En “Grandma”, María X. Fernández intervén nos papeis de patróns de bordado que xeralmente interpretan motivos naturais ou obxectos domésticos dun xeito ríxido, convertendo estruturas orgánicas en formas esquemáticas e cuadriculadas. De feito, as formas dos patróns de punto de cruz semellan imaxes pixeladas e na mostra a artista viguesa busca esta xeometría para reinterpretala dun xeito libre. As intervencións compleméntanse con estruturas que medran dun xeito orgánico, visceral e instintivo, inutilizando as revistas, bloqueando toda a información que conteñen para convertelas en materia prima, en textura e cor. O título da proposta é, ademais, unha homenaxe a Louise Bourgeois e á súa serie Mamán.
María X. Fernández é unha artista visual nada en Vigo que transita con liberdade entre diferentes medios cun carácter experimental. Nos seus traballos máis recentes céntrase no ser humano, tanto no aspecto individual coma social, e a conciencia ecolóxica penetra en todos os seus proxectos de xeito transversal. Pola súa banda, Elena Bangueses, a comisaria da mostra, é historiadora da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e ten un mestrado en Xestión Cultural pola City University of London, no Reino Unido. Traballou durante sete anos como xerente na Saatchi Gallery de Londres e actualmente desenvolve o seu labor como comisaria e xestora cultural independente.