A Deputación ten aberta ata o próximo domingo 2 de xuño no Museo de Pontevedra a exposición da crónica fotográfica do retorno a Galicia dos restos de Castelao

A mostra ‘Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa, fotografías’, comisariada por Xosé Enrique Acuña, pecha as súas portas o domingo 2 de xuño

27/05/2024

Mostra Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa, fotografías

Esta semana é a última para visitar no Museo de Pontevedra a exposición ‘Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa, fotografías’. Esta mostra, que conmemora o 40 aniversario da chegada a Galicia dos restos mortais de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, artéllase arredor da crónica fotográfica daquel 28 de xuño de 1984 realizada polo fotógrafo e xornalista Xan Carballa. Incorpora tamén obra artística de Castelao, fotografías, documentación e prensa da época para contextualizar os anos de exilio do intelectual galeguista. Pechará as súas portas este domingo, 2 de xuño.

Xosé Enrique Acuña é o comisario da exposición. O eixo da mostra son 52 fotografías realizadas por Xan Carballa hai 40 anos e restauradas para esta ocasión. Carballa realizou para o desaparecido semanario A Nosa Terra unha reportaxe gráfica do acontecido nos tres espazos de Santiago de Compostela en que se desenvolveron os feitos principais do retorno dos restos de Alfonso Castelao a terra galega: o aeroporto da Lavacolla, os exteriores de San Domingos de Bonaval e o propio interior do Panteón de Galegos Ilustres, onde ao fin foi cerimoniosamente soterrado.

As fotografías de Carballa expóñense como unha gran crónica visual que narra tanto os intentos por parte das autoridades da Xunta de Galicia de preparar un protocolo para os actos de benvida que se correspondesen coa importancia da figura histórica de Castelao, como a serie de incidentes e manifestacións que se viviron ese día ante o aeroporto da Lavacolla e, con maior intensidade, na entrada de San Domingos de Bonaval.

A exposición inclúe ademais un espazo que ofrece o contexto necesario para entender o cosmos de Castelao e, en particular, os seus anos de exilio nos Estados Unidos, Cuba e Arxentina. Xosé Enrique Acuña, comisario da mostra e autor dunha fotobiografía sobre Castelao, deseñou con clara intención contextual un espazo propio e diferenciado, entendido como prólogo á serie fotográfica de Carballa, no que se inclúe obra artística orixinal, fotografías, documentación e prensa gráfica da época, procedentes de coleccións particulares, o propio Museo de Pontevedra e outras institucións galegas.

Xornada sobre Sempre en Galiza

Mostra Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa, fotografías

A última semana de permanencia desta mostra no Museo coincide coa celebración doutro evento que pon o foco na figura de Castelao. Mañá martes 28 de maio, de 16:00 a 20:30 h no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, a Fundación Castelao organiza unha xornada de conferencias para conmemorar o 80 aniversario da publicación do ensaio Sempre en Galiza en 1944 en Bos Aires. A xornada, que será inaugurada polo vicepresidente provincial Rafa Domínguez, conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, o Museo de Pontevedra e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Está dirixida por Miguel Anxo Seixas Seoane, da Fundación Castelao.

Castelao viña elaborando Sempre en Galiza desde 1934, pero non veu a luz ata dez anos despois, cando o intelectual galeguista estaba xa exiliado en Arxentina. O manuscrito orixinal desta obra de referencia consérvase no Museo de Pontevedra, así como as sucesivas edicións realizadas en Bos Aires, Madrid e Vigo. Por iso, e ao cumprirse o 80 aniversario da súa edición, reúnense no mesmo lugar no que se conserva o manuscrito deste clásico do galeguismo para afondar no seu estudo e valoración.

A xornada comezará cunha conferencia a cargo da directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve Jar, que falará do retorno da obra de Castelao a Pontevedra. Xosé Manuel Dasilva, catedrático do departamento de Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo, impartirá o relatorio “As edicións, as prohibicións e as censuras de Sempre en Galiza”. A terceira conferencia da tarde será a cargo de Natalia Crecente García, da Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón, que falará do papel de Castelao na construción dunha tipografía galega. Pechará as intervencións Miguel Anxo Seixas, presidente da Fundación Castelao, coa conferencia “De non sempre en Galiza a Sempre en Galiza”.

A xornada seguirá cunha mesa redonda que xuntará aos relatores das catro conferencias, moderada por Diana Santiago Iglesias, secretaria da Fundación Castelao. Para pechar o evento, o público asistente poderá participar nunha visita á exposición permanente de Castelao e a exposición temporal ‘Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa. Fotografías’, conducida por Xosé Enrique Acuña, comisario da mostra, e Xan Carballa, autor das fotografías.