A Deputación achega 45.000 euros para tres proxectos de cooperación ao desenvolvemento en Honduras e O Salvador

As ONGD Asociación Amigas da Terra, Asemblea de Cooperación pola Paz e Solidariedade Internacional de Galicia recibirán 15.000 € cada unha para os seus respectivos proxectos

06/08/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar destinar 45.000 euros a proxectos liderados por tres ONG para a cooperación ao desenvolvemento. En concreto, a Asociación Amigas da Terra, a Asemblea de Cooperación pola Paz e Solidariedade Internacional de Galicia recibirán 15.000 € cada unha para impulsar iniciativas en Honduras e O Salvador.

Con esta liña de achegas, a Deputación presta o seu apoio ás organizacións non gobernamentais de desenvolvemento para que poidan executar proxectos de cooperación en países empobrecidos, aliñados coa Axenda 2030. En concreto, aquelas actuacións que impliquen proxectos que promovan iniciativas que teñan como obxectivo prioritario a defensa dos dereitos das mulleres, así como os que promovan o apoio ás entidades e organizacións feministas e de mulleres sobre o terreo.

No caso de da Asociación Amigas da Terra, a axuda de 15.000 euros irá destinada ao proxecto “Apoderamento para o exercicio dos dereitos das mulleres rurais coa participación política e social, unha vida libre de violencias, soberanía alimentaria e autonomía económica en Orocuina (Honduras)”, mentres que a Asemblea de Cooperación pola Paz investirá a achega no proxecto que leva por nome “Mulleres e comunidades fortalecen a súa autonomía económica para a soberanía alimentaria no municipio de Berlín, departamento de Usulután, El Salvador” e Solidariedade Internacional de Galicia en “Sistemas comunitarios de auga fortalecidos para unha xestión hídrica inclusiva e sostible en Chalatenango”, tamén no Salvador.

A Deputación de Pontevedra, que é socia do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade desde 2017 e participa de forma activa nas actividades promovidas e dirixidas ás  entidades locais da provincia de Pontevedra, renova desta maneira o seu compromiso coa defensa dos dereitos humanos en todo o mundo.