O ciclo de teatro da Deputación chega este venres a Mondariz-Balneario coa obra O neno Groba e música

O neno Groba e música poderase ver na sala da cultura de Mondariz-Balneario, ás 18 horas

21/12/2023

O ciclo de teatro da Deputación de Pontevedra “Tornar ás táboas” chega este venres 22 de decembro a Mondariz-Balneario con O neno Groba e música, da Fundación Rogelio Groba. A sala da cultura da vila acollerá a partir das 18 horas esta peza teatral dirixida ao público infantil e familiar con entrada libre ata completar a capacidade.

O neno Groba e música trátase dun achegamento á vida do mestre Groba a través do relato da súa historia cunha linguaxe adaptada á infancia e ás familias. A peza vai da man dun actor que relata a historia acompañado dun vídeo mapping e da música do propio compositor. No espectáculo, ademais, faise fincapé en que todo é posible con esforzo, traballo e tesón, vencellando estas calidades coa propia vida de Groba, un neno dunha aldea galega que, pola súa capacidade de traballo e talento, conseguiu converterse nun compositor de referencia no patrimonio musical galego.

Co ciclo teatral “Tornar ás Táboas” a Deputación de Pontevedra está a achegar, desde outubro e ata finais deste mes, un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Participan neste programa provincial trinta compañías de teatro galegas que están a ofrecer por toda a xeografía de Pontevedra unha ampla variedade de espectáculos.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.