A Deputación celebra este mércores o sorteo das prazas dos “Campamentos A Lanzada” deste verán

Este martes publicouse a lista dos preto de 4.000 nenos e nenas que optarán definitivamente ás máis de 1.500 prazas ofertadas pola institución provincial

14/05/2024

A Deputación de Pontevedra celebrará este mércores 15 de maio o sorteo das 1.540 prazas para participar na edición 2024 dos “Campamentos A Lanzada”. O sorteo terá lugar un día despois de que se publicase hoxe martes no BOPPO o anuncio da lista definitiva dos 3.966 menores admitidos para participar no sorteo, que está dispoñible nesta ligazón. Despois do período de corrección de erros aberto en abril ao publicarse a lista provisional, a relación de rapazas e rapaces admitidos finalmente medra en máis de 100 respecto á anterior (3.830 na lista provisional) e nun 7% respecto á edición anterior do programa.

Unha vez se realice o sorteo, que terá lugar no Pazo provincial, o propio mércores publicarase no sitio web da Deputación a lista de menores que acadan praza en cada unha das once quendas convocadas nos “Campamentos A Lanzada”, complementadas cunha lista de agarda formada por 100 menores para cada unha delas. As nais, pais ou titores legais recibirán un SMS coas claves para acceder e descargar os documentos de pago. En caso de non se efectuar este, perderán o dereito á praza obtida e pasará a ser ocupada por unha nena ou neno da lista de agarda seguindo a súa orde pero respectando a paridade.

Os campamentos celebraranse entre o 23 de xuño e o 7 de setembro  e distribuiranse en once quendas, de sete días de duración cada unha (de domingo a sábado). Participarán mozas e mozos empadroados nalgúns dos concellos da provincia e nados entre os anos 2011 e 2016 (incluídos). Cada quenda estará composta por 140 nenos ata completar as 1.540 prazas ofertadas, das que 210 quedan reservadas para menores en situación ou risco de exclusión social.

No Centro de Vacacións da Lanzada os cativos poderán desfrutar dun amplo programa de actividades entre as que destacan as actividades deportivas no campamento (deportes alternativos, tiro con arco, orientación, carreira de obstáculos) ou na praia (bodyboard, snorkel ou xogos de praia), ademais de actividades circenses (malabares, clown ou equilibrios), de coñecemento do medio, excursións a lugares como o Monte da Siradella ou a Illa de Ons, obradoiros, xogos ou veladas.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.