A Deputación continúa este luns en Salceda de Caselas as visitas do novo servizo de vixilancia, inspección e control da xestión de residuos

Os técnicos do SEVIC visitarán uns 70 establecementos comerciais co obxectivo de que sexan parte activa na xestión responsable dos bidorresiduos e axudar os gobernos municipais no cumprimento da nova lexislación

01/12/2024

A Deputación de Pontevedra continúa este luns 2 de decembro en Salceda de Caselas as visitas que o servizo de vixilancia, inspección e control de xestión de residuos (SEVIC) está a realizar aos concellos adheridos para axudar os gobernos municipais da provincia a que poidan cumprir as esixencias da nova lexislación en materia de residuos.

O obxectivo destas visitas, que se realizarán ao longo de varias semanas a uns 70 estabelecementos produtores de biorresiduos de Salceda de Caselas, é que os establecementos comerciais da vila sexan parte activa na xestión responsable destes residuos, contribuíndo así á preservación do medio ambiente e ao fomento de espazos más limpos e saudables para todos os seus habitantes. O persoal técnico da Deputación daralles resposta as súas dúbidas e orientaraos sobre as mellores prácticas para a separación e o manexo axeitado dos residuos, para o que tamén se lles facilitarán materiais educativos. Ademais, no marco das visitas tamén se recadará información para avaliar o cumprimento da normativa aplicable, concretamente, na correcta separación dos residuos nas diferentes fraccións e garantir a súa recollida separada.

Actualmente son 16 os concellos da provincia adheridos a este servizo: Baiona, Barro, Bueu, Cangas do Morrazo, A Cañiza, Gondomar, A Guarda, Meis, Moaña, Mondariz-Balneario, As Neves, O Porriño, O Rosal, Salceda de Caselas, Silleda e Tomiño. Ao abeiro do SEVIC, os produtores de residuos estarán suxeitos a inspeccións periódicas que serán levadas a cabo polo corpo de funcionarios habilitado pola Deputación, que terán a consideración de axentes da autoridade. Deste xeito, os feitos constatados por este persoal formalizaranse nunha acta e gozarán da presunción de certeza a efectos probatorios. Polo de agora xa se realizaron visitas aos concellos de Baiona, Barro, Bueu, Cangas do Morrazo, Meis e Moaña.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.