Luis López salienta a diversidade do tecido deportivo e a capacidade para organizar competicións como sinais de identidade do deporte en Ribadumia e na provincia

O presidente provincial participa na sétima edición da Festa do Deporte de Ribadumia onde se entregaron 15 premios para recoñecer o labor de deportistas, clubs e outras entidades que fomentan o deporte neste municipio do Salnés

26/10/2024

Sétima edición da Festa do Deporte de Ribadumia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinala o amplo e diverso tecido deportivo e a capacidade para organizar eventos de alcance internacional como os puntos en común de dous territorios pequenos en extensión pero que destacan polo súa vocación deportiva como son o Concello de Ribadumia e a provincia de Pontevedra, xa coñecida como “a provincia do deporte”. O mandatario provincial participou este sábado na sétima edición da Festa do Deporte deste Concello do Salnés onde se decidiron, entre as 42 candidaturas nomeadas, os premiados nas quince categorías seleccionadas.

“O deporte de Ribadumia é unha valiosísima parte dun todo. Un todo que xa é de sobra coñecido por méritos propios como a Provincia do Deporte. Un título máis que xustificado. Porque temos a capacidade de organizar eventos de interese global coma a Baixada Internacional do Umia, aquí en Ribadumia, unha proba de referencia no calendario do piragüismo mundial. Porque vivimos nunha provincia que é un verdadeiro polideportivo ao aire libre, pero é que ademais temos unhas equipamentos deportivos de primeira e que estamos a mellorar cos Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas da Deputación cun investimento de 12 millóns de euros entre 2024 e 2025 para dotar a esta provincia das mellores instalacións para facer deporte. E, por suposto, porque temos aos mellores deportistas, técnicos e clubs do mundo que locen con orgullo o estandarte da nosa provincia en competicións nos cinco continentes”, defendeu o mandatario provincial antes de comezar unha entrega de premios da que tamén tomou parte.

Despois de dar os parabéns a todos os integrantes do tecido deportivo do Concello de Ribadumia, o presidente provincial reafirmou o compromiso da Deputación para seguir reforzando a posición da provincia no mapa dos grandes eventos deportivos a nivel global, así como a seguir apoiando, a través de distintas liñas de colaboración, aos deportistas de elite e de base, así como aos clubs de todas as disciplinas.

Galerias de imagenes