A Deputación concentra no Museo de Pontevedra a directores e xefes de colección do Reina Sofía, Artium, Patio Herreriano e Museo Nacional de Cataluña para debater sobre os arquivos de artistas

O seminario “Arquivos de artistas. Ferramentas para a investigación nos Museos” terá lugar o 7 de xuño no Museo de Pontevedra. Forma parte da programación da exposición “Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo” que pechará a súas portas o día 9 de xuño

01/06/2024

Á raíz da doazón do arquivo de Berta Cáccamo ao Museo de Pontevedra e a exposición que está aberta ata o domingo 9 de xuño no Edificio Castelao por ese motivo, o Museo organiza esta semana un seminario para abordar que se debe facer para conservar e divulgar os arquivos de artistas. Será o venres 7 de xuño en horario de mañá e tarde, coa participación de responsables de dirección e de coleccións dalgúns dos museos e centros de arte máis destacados de España.

No seminario, co título de “Arquivos de artistas. Ferramentas para a investigación nos museos”, participarán Manuel Segade, que esta semana cumprirá un ano á fronte do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía; Beatriz Herráez, directora do Museo de Arte Contemporáneo do País Vasco Artium Museoa, e a responsable da biblioteca e centro de documentación do mesmo museo, Elena Roseras;  Eduard Vallès, xefe de coleccións do Museo Nacional de Cataluña (MCAC); Javier Hontoria, director do Museo Patio Herreriano de Valladolid; Mela Dávila Freire, doutoranda na Escola Superior de Belas Artes de Hamburgo (HFBK Hamburg); Irene García Chacón, da Universidade de Valladolid; Juan de Nieves e Xosé María Álvarez Cáccamo, en representación do Legado Berta Cáccamo. O seminario está dirixido por Juan de Nieves e Agar Ledo Arias.

O arquivo (na súa aceptación tradicional, pero tamén os arquivos de artista, arquivos vivos, arquivos do común, etc) é un dispositivo e formato central na política de exposición e adquisición de institucións como o Museo Reina Sofía, Artium Museoa, o MNAC ou o Museo Patio Herreriano, que presentarán as súas liñas de traballo e casos de estudo neste seminario. O concepto de arquivo, xunto ao de documento, expandiuse nas últimas décadas coa crise dos grandes relatos, en paralelo ás discusións arredor da reescritura da Historia e á introdución de narrativas alternativas. O cambio na relación entre arte e documento afecta as relacións entre o museo e o arquivo, que se foron aproximando. A localización, adquisición, conservación e difusión de arquivos de artistas é unha liña de traballo que, dentro dos museos, permite escarvar no que quedou sen visibilidade para resitualo na historia da arte. Neste sentido, os arquivos resultan unha fonte de investigación moi eficaz para expor novos interrogantes.

O seminario ‘Arquivos de artistas. Ferramentas para a investigación nos museos’ está organizado con motivo da doazón do arquivo da artista Berta Cáccamo ao Museo de Pontevedra e como actividade de clausura da exposición ‘Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo’, articulada a través da forma ou o dispositivo arquivo, onde os documentos poden recombinarse e xerar narracións e significados novos. A mostra pode visitarse no Edificio Castelao ata o domingo 9 de xuño.  O acceso ao seminario é libre e a aquelas persoas que que se inscriban previamente en reservas.museo@depo.gal entregaráselles un certificado de asistencia.

 

Enlaces de interés