A Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia continúan en Vigo as reunións co sector cultural para enriquecer o Plan de Usos do Teatro Cine Fraga

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e o director xeral de Cultura escoitaron de primeira man propostas de colectivos, entidades e agrupacións de música de base

15/10/2024

Plan de usos Teatro Cine Fraga

A Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia reuniron a tarde de hoxe na sede da delegación territorial do Goberno galego en Vigo a representantes de colectivos, entidades e agrupacións de música de base, dentro da liña de traballo aberta para a recollida de propostas e suxestións que permitan enriquecer o Plan de usos do Teatro Cine Fraga de Vigo.

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, escoitaron de primeira man as ideas e iniciativas destes colectivos para este edificio emblemático da cidade olívica, que se suman ás que se recibiron a mediados de setembro no primeiro encontro aberto á cidadanía. Daquela,  participaron un cento de persoas e entidades que aportaron valiosas achegas para enriquecer o deseño do chamado a ser un centro cultural pioneiro e referente na Comunidade galega e no noroeste peninsular.

“Estamos a facer unha escoita activa e próxima”, valorou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, con respecto ao papel que están a desenvolver ambas as dúas administracións. Neste senso, tanto Luisa Sánchez como Anxo M. Lorenzo agradeceron o  “alto interese, xenerosidade e compromiso” de particulares e colectivos do sector cultural de Vigo e da contorna por “participar en darlle unha nova vida a este valioso espazo, tanto para a cidade como para toda a comunidade”. “Seguiremos avanzando da man do sector cultural”, indicou a responsable provincial diante dos asistentes.

Caixa de correo virtual aberta ata finais de outubro

Sánchez e Anxo M. Lorenzo atribuíron ao interese que ten espertado a recuperación e incorporación a unha activa vida cultural do Teatro Cine Fraga, a decisión de ter ampliado un mes máis a caixa de correo virtual, posta en marcha a finais de agosto, que tamén ten como obxecto recoller en liña propostas, suxestións e ideas de cara ao deseño do futuro Plan de usos.

A boa acollida desta iniciativa, que forma parte da campaña O mellor espazo busca o mellor contido, ten reflexo nas máis de 200 propostas recibidas na caixa de correo propostas@teatrofraga.gal, que segue aberta ata finais do mes de outubro. “

Galerias de imagenes