Rafa Domínguez remarca “o papel do Museo de Pontevedra como institución cultural de referencia” na inauguración da exposición de Berta Cáccamo

A mostra, que se poderá visitar no museo ata o 9 de xuño, “trátase dun proxecto exemplar que contribúe a promover o recoñecemento público da arte e dos nosos artistas e a conservar e difundir a nosa memoria colectiva a través do arquivo”

12/04/2024

Rafa Domínguez e Angeles Tilve

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, inaugurou esta tarde no Museo de Pontevedra a exposición Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo, xunto coa directora do Museo, Ángeles Tilve Jar,  o comisario da mostra, Juan de Nieves, e o irmán da artista, Xosé María Álvarez Cáccamo. Esta mostra recupera a obra da artista viguesa e pona en conexión cos cadernos, fotografías, debuxos e obxectos do seu arquivo, que lle vai ser doado en próximas datas pola súa familia ao Museo. A exposición estará aberta no Edificio Castelao ata o 9 de xuño.

Rafa Domínguez destacou na inauguración que “este proxecto pon de relevancia o papel do Museo de Pontevedra como institución cultural de referencia, non só nesta provincia, senón a nivel galego e español”.  Subliñou que esta non é só unha exposición, “porque implica, ademais de exhibir a obra de Berta Cáccamo, incorporar o seu arquivo aos fondos do Museo para catalogalo, conservalo e poñelo a disposición de investigadores e cidadanía”. Tamén afondou en que “para o Museo de Pontevedra resulta un proxecto exemplar porque une dúas das súas facetas máis importantes: promover o recoñecemento público da nosa arte e dos nosos artistas a través das exposicións temporais e conservar e difundir a nosa memoria colectiva a través do arquivo”.

Pola súa parte, a directora do Museo, Ángeles Tilve Jar, louvou a figura de Berta Cáccamo, “unha creadora excepcional, unha investigadora da pintura que, nas últimas décadas do século pasado e nas primeiras deste, traballou un pouco a contracorrente, explorando os camiños da abstracción e consolidando unha traxectoria sólida que, por desgraza, se truncou demasiado cedo”. Tamén resaltou o traballo colectivo que impulsou este proxecto de exposición e doazón de arquivo: “o que asoma detrás de cada lenzo, dos debuxos e das vitrinas cheas de cadernos, fotos e obxectos, é un esforzo común porque a obra de Berta non se perda no esquecemento”. Así mesmo, agradeceulle especialmente á familia Álvarez Cáccamo a súa xenerosidade.    

A exposición Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo aborda unha perspectiva inédita ou pouco explorada ata hoxe: a importancia do arquivo de Berta Cáccamo, entendido desde unha visión complexa e expandida, e as súas conexións directas coa súa pintura e coa súa obra en papel ao longo de toda a súa traxectoria artística. A exposición forma parte dun obxectivo máis ambicioso de preservar a memoria da que foi profesora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. O arquivo da pintora, agora xestionado polo Legado, pasará ao Museo de Pontevedra co fin de que o conserve, ordene e difunda publicamente.

Parte desta documentación, que se lle entregará formalmente ao Museo datas próximas, está agora presente na exposición, para que o público poida contemplar as conexións entre os diferentes rexistros presentes no arquivo de Berta Cáccamo e a súa obra pictórica. Nas 15 vitrinas instaladas móstranse 30 cadernos, diarios e libros de artista; fotografías de obras, persoais e de viaxes, e 26 obxectos atopados e levemente manipulados que nos axudan a entender o seu universo estético.

Con eses rexistros do arquivo dialogan as arredor de corenta pinturas e máis de trinta debuxos que se exhiben na mostra. Creáronse nas diferentes cidades nas que viviu Cáccamo ao longo dos 33 anos de traxectoria que abrangue a exposición, desde mediados dos 80 ata 2018: Vigo, Barcelona, París e Roma. Xunto a un amplo conxunto de obras pertencentes ao Legado Berta Cáccamo, atópase obra cedida para esta exposición polo Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía e as coleccións de La Caixa, Banco de España, Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e Afundación.

Recital e seminario

A exposición complétase cunha programación paralela con dous fitos importantes en maio e xuño. O 3 de maio, Xosé María Álvarez Cáccamo realizará unha lectura pública do seu poema Berta, unha composición longa que en 2019 publicou a editorial Chan da Pólvora e que será presentada e comentada polo comisario, Juan de Nieves.

Xa o 7 de xuño, o Museo reunirá as e os directores e xefes de coleccións dalgúns dos principais centros de arte en España nun seminario para reflexionar sobre o papel dos arquivos de artistas como ferramentas de investigacións nos museos. Estarán, entre outros, Manuel Segade, director do Reina Sofía; Beatriz Herráez, directora de Artium; Javier Hontoria; director de Museo Patio Herreriano; e Eduard Vallès, xefe de coleccións  do Museu Nacional d’Art de Catalunya.

Berta Cáccamo

Berta Álvarez Cáccamo (Vigo, 1963 - Vigo, 2018), comezou a súa carreira como artista a mediados da década de 1980. Licenciada en Belas Artes pola Facultade San Jordi de Barcelona, doutorouse nesta facultade e posteriormente na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, onde exerceu a docencia de 1995 a 2013. Gozou de bolsas coma a Manuel Colmeiro da Xunta de Galicia en 1987 e a de Creación Artística Banesto en Madrid en 1990. Obtivo o segundo premio na XXI Bienal de Pontevedra, co que fixo dunha estancia na Cidade Internacional das Artes en París entre 1990 e 1991. En 1992 e 1993 foi bolseira na Academia de Belas Artes de Roma.

Galerías e centros dedicáronlle preto de 40 exposicións individuais, entre elas Expansión ensaio, no CGAC, en 2017, e Horas felices, un transitar, no Museo Patio Herreriano de Valladolid, en 2022. Ademais, expuxo de forma individual en espazos de Vigo, A Coruña, Madrid, Baiona, Barcelona, Porto, Palma de Mallorca, Zaragoza, Santiago de Compostela, Palencia, Eivisa, San Sebastián, Cambados e Ferrol. Tamén estivo presente a súa obra en arredor dun cento de exposicións colectivas en Galicia, España, Portugal, Francia, Italia, Estados Unidos, Alxeria, Cuba, México, Suíza e Alemaña.

A súa obra gráfica forma parte de varias edicións. Tamén ilustrou libros, entre eles, o poemario Tinta de luz, de Xosé María Álvarez Cáccamo (Chan da Pólvora, 2017), que obtivo o premio ao libro ilustrado na III Gala do Libro Galego (2018). Entre a ducia de premios obtidos na súa carreira, destaca o Premio da Cultura Galega na Sección de Artes Plásticas (Xunta de Galicia, 2017).

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.