A Deputación organiza no Museo de Pontevedra proxeccións de ‘Castelao: de chumbo a verba’ dirixidas a centros escolares
A actividade para alumnado de 5º e 6º de educación primaria, ESO e Bacharelato desenvolverase de xaneiro a marzo dentro da programación do Ano Castelao
15/01/2025
A Deputación continúa no Museo de Pontevedra a conmemoración do Ano Castelao cunha nova proposta de actividade dirixida especificamente a centros escolares. Cada mércores pola mañá, do 22 de xaneiro ao 12 de marzo, o auditorio do Museo acollerá un proxección do filme ‘Castelao: de chumbo a verba’, á que se poden inscribir os centros escolares de Pontevedra interesados.
A actividade está dirixida a alumnado de 5º e 6º de educación primaria, ESO e Bacharelato e súmase ás visitas e actividades vencelladas ao artista que xa vén ofertando o Museo. Os centros educativos poden reservar data escribindo a educacion.museo@depo.gal indicando o nome do centro, o número de alumnado por niveis, a persoa de contacto, un número de teléfono e un enderezo de correo electrónico.
‘Castelao: de chumbo a verba’ é un documental ficcionado no que se mestura a época actual, os anos centrais da vida de Castelao e imaxes de arquivo para axudar a entender o seu pensamento e a súa dimensión cultural e política. Dirixido por Miguel López en 2017, con Miguel Pernas, Uxía Blanco e Iago Novoa no elenco. Ten unha duración de 60 minutos.