Luis López sinala o primeiro patrocinio da historia da Deputación a Navalia como un exemplo do compromiso cun sector estratéxico para a economía da provincia

A alianza entre a Deputación e Navalia tradúcese na organización dunha aula de formación na que haberá conferencias e exposicións relacionadas co futuro do naval

07/05/2024

Comité Executivo organizador

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, amosa o apoio ao sector naval da provincia, unha industria estratéxica e punteira nivel mundial, co primeiro patrocinio da historia da Deputación a Navalia, a Feira Internacional da Industria Naval de Vigo, que se celebrará nesta cidade entre o 21 e 23 de maio. Esta colaboración entre o organismo provincial e o sector naval tradúcese na organización dunha das aulas de formación do evento, que levará o nome de Deputación de Pontevedra e na que terán lugar relatorios e exposicións ao longo dos tres días de duración do congreso. “A nosa provincia e o conxunto de Galicia non se entenden sen todo o que vai vencellado ao mar”, afirmou Luis López para argumentar a súa “satisfacción” por colaborar cun sector “estratéxico”.

Outra mostra máis da vontade do goberno provincial de tender pontes cun dos motores económicos e de emprego máis importantes da provincia como é o sector naval está na participación, tamén por primeira vez, da Deputación nunha reunión do Comité Executivo de Navalia, que tivo lugar este martes en Vigo e na que participou o presidente provincial, Luis López, acompañado pola vicepresidenta e responsable das áreas de Economía e Impulso ao Emprego, Luisa Sánchez.

O patrocinio do organismo provincial a Navalia consiste na organización dunha aula de formación. Un espazo que levará o nome de Deputación de Pontevedra e no que están programadas unha decena de actividades formativas. Os contidos destas charlas estarán relacionados coa enerxía naval do futuro, o almacenamento de hidróxeno, a sustentabilidade e o impacto ambiental da industria ou a mellora da eficiencia na construción naval. Mentres que as exposicións versarán sobre proxectos de innovación.

Neste sentido, Luis López defendeu a necesidade da colaboración das administracións, neste caso, co sector naval para conseguir unha provincia máis competitiva. “A presencia da Deputación en Navalia non é ningún capricho. É a mostra de que o actual goberno da Deputación está comprometido co emprego e coa economía da provincia, porque aquí se concentran empresas clave nun sector que é fundamental”, subliñou.

“Esta colaboración permitirá ter aulas de formación que van ser moi útiles para todas as persoas que se acheguen a Navalia”, asegurou o presidente provincial, quen animou a asistir á feira todas as persoas que teñan algún tipo de relación co sector naval.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.