Luis López sinala o primeiro encontro Pontevedra Literaria, que redondea a aposta pola cultura, como a resposta da Deputación ao interese e talento da mocidade polas letras

O presidente provincial inaugura no Museo de Pontevedra unha nova actividade cultural na que participan autores consagrados como Manel Loureiro, Arantza Portabales ou Hector Abad Faciolince xunto con escritores emerxentes da provincia

17/10/2024

Primeiro encontro Pontevedra Literaria

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salientou a organización do primeiro Encontro Pontevedra Literaria como a resposta do goberno provincial ao interese e talento da mocidade da provincia polas letras e as artes así como para redondear a aposta pola cultura. Unha iniciativa, que se vén de inaugurar esta tarde no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, deseñada facer da capital da provincia un centro de debate sobre as letras nos que teñen voz tanto autores consagrados como escritores emerxentes ou integrantes da industria. "Pontevedra escríbese nos rengróns da creatividade e das raíces. Este primeiro Encontro Pontevedra Literaria da boa mostra do enorme e numeroso talento que teñen as letras da nosa terra", sinalou o mandatario provincial, que estivo acompañado nesta xornada inaugural polo vicepresidente Rafa Domínguez e o deputado de Cultura, Jorge Cubela.

A xornada inaugural deste primeiro Encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes promovido pola Deputación comezou cunha actuación musical a cargo de Xacobe Medina. Despois do discurso inaugural do presidente provincial, Luis López, o escritor pontevedrés Manel Loureiro protagonizou unha charla coa presentadora do acto, a xornalista Susana Pedreira, quen moderou tamén a mesa redonda que deu continuidade ao programa. Un debate que xirou arredor do lema deste encontro que é "vivir das letras" e no que participaron as escritoras Arantza Portabales, Ángela Banzas e o columnista Rafa Cabeleira. A interpretación dunha nova peza musical a cargo de Xcobe Medina clausurou unha xornada que terá continuidade este venres. A segunda xornada inclúe unha conferencia a cargo do escritor hispanoamericano Hector Abad Faciolince titulada "La guerra y las letras", ademais dunha mesa redonda con Sandra Ferreiro, Rodrigo Cota, Alexander Vórtice e Xulio Teixeira, xunto co recital dun poema de Borges e a actuación musical de Andrea García nun programa dirixido pola xornalista Bibiana Villaverde e no que participará tamén o deputado provincial de Cultura, Jorge Cubela.

Recoñecemento á mocidade

"Esta primeira convocatoria nace precisamente das inquedanzas, da agudeza e do dinamismo da xuventude da nosa provincia para producir obras literarias de gran calidade. Cada ano, esta casa entrega os Premios á Xuventude, uns galardóns que recoñecen o traballo realizado polos nosos mozos e mozas en distintos ámbitos das artes ou da ciencia. Pero había dúas categorías, a de creación literaria e fotografía orixinal, que ano tras ano atraían a maior cantidade das achegas. É a evidencia de que á nosa mocidade ten unha especial atracción polas letras e pola imaxe. E nós, como Deputación, decatámonos de que había que facer algo para  satisfacer ese apetito e nutrir esa creatividade. Esta é a resposta: un encontro único", explicou o presidente a orixe desta iniciativa promovida polo departamento de Xuventude da Deputación, unha área específica creada polo goberno que dirixe Luis López e que está dirixida por Jorge Cubela, "unha persoa que encaixa a perfección coa descrición da nosa mocidade: xente nova, ben formada, con experiencia, culta e con inquedanzas polo futuro da súa terra", recoñeceu o dirixente.

Neste sentido, este encontro supón unha nova mostra da vontade do organismo provincial de tender pontes co sector cultural da provincia e da sensibilidade para organizar un faladoiro para dar voz á mocidade da provincia e poñer á súa disposición o coñecemento de escritores reputados e profesionais do sector das librarías ou as editoriais para orientar e incentivar a súa vocación.

Ademais, Pontevedra Literaria conta tamén con actividades paralelas que apoian outras ramas da cultura e das artes entre a poboación máis nova como a exposición fotográfica do vestíbulo do Pazo provincial na que se exhiben as imaxes captadas polos gañadores da categoría de fotografía dos Premios Provinciais á Xuventude, ou a mostra pictórica que acompaña no Edificio Castelao a este encontro literario obra de catro pintores emerxentes da provincia ou o cartel da primeira edición deste programa que é froito dun certame que gañou o vigués Denís Carballás.

Compromiso co sector da cultura

"A cultura é un dos sinais de identidade de calquera sociedade moderna. E nós, como servidores públicos, temos o deber de protexela, promovela e divulgala", subliñou Luis López antes de dar conta dos pasos dados polo executivo provincial a prol da Cultura ao promover eventos como os Rías Baixas Fest, festivais de cinema, levar a entrega dos premios Mestre Mateo a Lalín ou dos Feroz a Pontevedra, así como o impulso a Santa Clara e do Cine Fraga para convertelos en centros de referencia culturais ou as exposicións de récord do Museo.

"É imposible ser unha provincia extraordinaria, como somos, sen ter unha axenda cultural de primeiro nivel", rematou Luis López convidando a todos os amantes das letras a desfrutar deste primeiro encontro Pontevedra Literaria.

Galerias de imagenes

videos