A vicepresidenta Luisa Sánchez asiste á presentación do RallyMix Concello de Ribadumia

05/07/2024

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu este venres na Carballeira de Ribadumia á presentación do RallyMix Concello de Ribadumia. A proba, que está organizada co apoio da institución provincial, celebrarase entre o 19 e o 21 de xullo grazas ao esforzo da Escudería Desguaces Tino Racing. A vicepresidenta provincial tivo palabras de apoio para todo o persoal involucrado na organización deste evento, lembrando as circunstancias que obrigaron á cancelación desta terceira edición prevista o ano pasado. “Estou segura de que a vosa compañeira Bárbara Gómez Oubel agradece o xesto de dedicarlle o rally e mais a creación do primeiro trofeo de copilotos na súa memoria”, sinalou Luisa Sánchez.

A vicepresidenta da Deputación asegurou que “viviremos un espectáculo de gran nivel neste percorrido de case 14 quilómetros en pistas de terra e asfalto, e agradecemos a dedicación e esforzo para conseguir crear un evento moi relevante que ademais forma parte do Campionato de Galicia de Rallymix”. Por iso, afirmou Luisa Sánchez, “contaredes sempre co apoio da Deputación de Pontevedra, porque queremos que esta provincia siga medrando apoiándose no deporte e imos redundar no noso apoio ao automobilismo”.