O vicepresidente Rafa Domínguez presenta o Campionato de España de Xoves Promesas Cadete e Infantil
18/07/2024
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, participou hoxe no acto de presentación do Campionato de España de Xoves Promesas Cadete e Infantil, que se celebrará esta fin de semana no Complexo Deportivo David Cal no Pontillón, en Verducido. Organizado polas federacións galega e española de piragüismo, a Xunta de Galicia, a Deputación e o Concello de Pontevedra, reunirá a deportistas das 17 comunidades autónomas.
“É unha alegría poder recibir aquí esta proba porque Pontevedra é, sen dúbida, potencia neste deporte. Non hai máis que ver o número de deportistas da provincia que acudirán aos Xogos Olímpicos de París nalgunha modalidade de piragüismo”, asegurou Domínguez. O vicepresidente tamén aproveitou a oportunidade para remarcar o firme compromiso da Deputación co deporte, “como un modo de vida saudable”, e tendeu a man ás dúas federacións “para seguir colaborando no futuro, garantíndolles que traballaremos duro, máis aínda se cabe, para impulsar o piragüismo e apoiar esta disciplina deportiva como nunca antes se fixo”.