Luis López recoñece a importancia de As Mulleres que Opinan Son Perigosas para reflectir a pluralidade de visións que perseguen a igualdade

O presidente provincial participou este mércores na presentación dun evento que reunirá os días 15 e 16 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra a profesionais do sector da comunicación de recoñecido prestixio en Galicia e España

28/02/2024

Presentación do foro As Mulleres que Opinan Son Perigosas 2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, remarcou este mércores o compromiso do Goberno provincial coa igualdade e co apoio institucional para que o traballo que realizan as mulleres teña a visibilidade que merece na presentación da sétima edición do foro As Mulleres que Opinan son Perigosas, que tivo lugar esta mañá no Teatro Principal de Pontevedra. "Ningunha opinión que teña como fin a igualdade pode ser perigosa. Serán minoritarias ou maioritarias, polémicas ou sutís, críticas ou acríticas, dun espectro político ou doutro, pero todas son benvidas mentres coincidan na igualdade", afirmou o mandatario provincial para subliñar a transcendencia deste programa. "De aí que Mulleres que Opinan Son Perigosas sexa tan importante para reflectir esa pluralidade", asegurou Luis López.

No acto de presentación desta iniciativa das xornalistas locais Susana Pedreira e Diana López, que contou coa presenza do vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e da deputada provincial Sandra Bastos, o titular do executivo provincial reiterou o apoio da Deputación a este foro. "A Deputación tiña que estar porque compartimos ese camiño cara a consecución da igualdade, porque cremos en que unha sociedade sen fendas de xénero, tamén nos medios, é unha meta irrenunciable para calquera poder público e porque apostamos pola igualdade coma un espazo amplo, cómplice e aberto a todos", argumentou Luis López.

Neste sentido, o presidente tamén quixo deixar claro que esta iniciativa promovida por dúas xornalistas locais "é das participantes e do público, non de ningún cargo político que se nutra do traballo alleo para engrandecer a súa figura". E insistiu en que o papel da Deputación neste foro, que suma xa sete edicións, "cínguese a apoiarvos".

Relatoras de recoñecido prestixio en Pontevedra

Esta sétima edición de As Mulleres que Opinan son Perigosas celebrarase en Pontevedra entre os días 15 e 16 de marzo e contará con relatoras de gran prestixio no sector do xornalismo e da comunicación, coma Olga Viza, Lucía Mendez ou Mariola Cubels. Os actos comezarán o venres 15 en horario de mañá coa inauguración do foro e coas dúas primeiras charlas, e continuará pola tarde con outras catro conferencias. O programa continuará o sábado 16 con tres novas charlas, a partir das 12 horas, e concluirá pola tarde, despois doutras tres conferencias, coa intervención final de Olga Viza sobre a información  deportiva desde un punto de vista feminino. Ademais, o presidente avanzou que, antes da celebración destas xornadas, a Deputación preparou un amplo programa centrado no 8M, o Día Internacional da Muller.

Despois de agradecer o traballo das organizadoras e poñer en valor a súa iniciativa para darlles o espazo que merecen as profesionais da comunicación, o presidente da Deputación convidou a toda a cidadanía a achegarse ao Teatro Principal estes dous días para escoitar os relatorios de xornalistas moi recoñecidas tanto en Galicia coma en España. "Porque as mulleres que opinan non son perigosas, son imprescindibles", concluíu Luis López.

Enlaces de interés

Galerias de imagenes