A Deputación realiza este martes unha poxa de animais da gandería de Mouriscade

A Deputación ofertará 19 vacas de raza frisoa a un prezo de saída de 1.750 euros

31/03/2024

A Deputación de Pontevedra realiza este martes 2 de abril na Finca Mouriscade, a partir das 11:00 horas, unha poxa de animais da gandería de Mouriscade na que se ofertarán 19 vacas de raza frisoa cun prezo de saída de 1.750 euros. A poxa está aberta a persoas físicas ou xurídicas inscritas no Rexistro de Explotación Gandeira. As ofertas que realicen non poderán ser inferiores ao prezo de saída e, a partir dese importe, o incremento deberá facerse de viva voz, alzando o cartel co número de identificación da persoa licitadora e en tramos de 50 euros. O proceso rematará no momento en que se deixen de presentar novas ofertas, e quedará como licitadora quen realizase a poxa máis elevada. En caso de empate, resolverase por sorteo. A quinta mellor granxa de España en calidade xenética dos seus animais A granxa da Finca Mouriscade é a quinta mellor explotación gandeira de toda España. En menos de tres anos, a gandería dependente da Deputación de Pontevedra pasou do posto número 35 ao 5 no índice combinado ICO, que avalía a calidade xenética dos animais. Esta clasificación apuntala o centro como unha referencia no sector agrogandeiro nacional e sitúao só por detrás de dúas ganderías barcelonesas, unha coruñesa (terceira) e a lalinense G. B. Gandería. As tenreiras que naceron en Mouriscade a partir dos últimos embrións, así como o traballo realizado polos profesionais do laboratorio, están a contribuír de xeito decisivo á mellora xenética das ganderías da provincia. Nestes momentos Mouriscade conta con varias reses entre as mellor puntuadas de España.

Enlaces de interés