Luis López anuncia a posta en marcha dos primeiros Premios Sociais da Deputación para enxalzar o traballo realizado na provincia a favor dos dereitos humanos
“Temos a sorte de vivir nun territorio moi solidario, moi implicado, moi preocupado e que traballa a diario para converter a esta provincia nun lugar mellor, e nós cremos que este compromiso social ben merece un recoñecemento público”, remarcou o presidente
11/10/2024
O presidente Luis López acaba de anunciar que a institución provincial porá en marcha proximamente a primeira edición dos Premios Sociais da Deputación de Pontevedra. Con estes galardóns, dotados con 15.000 euros, búscase poñer en valor o traballo realizado na provincia a favor dos dereitos humanos e dos colectivos máis vulnerables, promovendo un maior benestar social das persoas, colectivos e comunidades. “Temos a sorte de vivir nun territorio moi solidario, moi implicado, moi preocupado e que traballa a diario por converter a esta provincia nun lugar mellor, e nós, cremos que este compromiso social ben merece un recoñecemento público”, asegurou López.
Os 15.000 euros dos que están dotados os premios repartiranse en tres modalidades. Deste xeito, concederase un premio a toda unha vida profesional no eido social, dotado con 3.000 €; outro dirixido a unha entidade de iniciativa social pola súa traxectoria, dotado con 6.000 €, e, finalmente, o galardón ao mellor proxecto ou iniciativa polo seu impacto social, dotado tamén con 6.000 €.
Estes premios, cuxas bases se publicarán, previsiblemente, a vindeira semana, servirán para destacar a importancia do traballo conxunto entre o sector público, privado e a sociedade civil na procura dun mundo mellor e como plataforma para crear conciencia sobre as necesidades e os desafíos aos que se enfrontan diversas comunidades. “Esta é unha provincia solidaria e era unha obriga para nós agradecer todo este compromiso e recoñecelo”, concluíu o presidente provincial.