Os consorcios provinciais contraincendios e os representantes sindicais dos bombeiros chegan a un acordo

Desconvocarase a folga e continuarase coa negociación para acadar melloras laborais nos 24 centros de traballo de toda Galicia

01/02/2024

Representantes dos consorcios provinciais contraincendios e salvamento e das forzas sindicais dos bombeiros comarcais mantiveron este xoves unha xuntanza na sede do Consello Galego de Relacións Laborais na que se chegou a un principio de acordo para desconvocar a folga dos últimos meses.

No texto, asinado por representantes da Xunta, das catro deputacións provinciais e dos sindicatos, prevense melloras nas condicións laborais referidas tanto ao reforzo de efectivos coma aos salarios e horarios, entre outras. Así, continuarase coa negociación para acadar melloras laborais nos centros de traballo dos consorcios provinciais de bombeiros das catro provincias galegas; é dicir, nos 24 parques comarcais da comunidade.

No acordo recóllese tamén crear unha mesa de negociación para concretar a redacción dun novo convenio colectivo e dunha nova relación de postos de traballo (RPT).