A Deputación supervisa en Vilagarcía as obras de mellora e acondicionamento do acceso á contorna de Trabanca Sardiñeira, financiadas integramente pola institución provincial

O deputado provincial visitou a zona na que se executaron os traballos, xa rematados, onde a Deputación investiu 160.000 euros

04/12/2024

Javier Tourís

A Deputación de Pontevedra supervisou en Vilagarcía de Arousa as obras de mellora e acondicionamento de acceso á contorna de Trabanca Sardiñeira que acaban de rematar. O deputado de Acción Comunitaria, Equipamentos Públicos e da Finca Areeiro, Javier Tourís visitou este mércores co alcalde, Alberto Varela, o remate dunhas obras que permitiron reorganizar este espazo para facilitar a conexión entre a zona urbana e o acceso ao mar, atravesando un túnel baixo a vía férrea.

Con esta obra, que tamén promove a integración paisaxística e converte o espazo nun lugar máis seguro para o uso público, produciuse “un cambio substancial que vai mellorar a vida da veciñanza da zona”, asegurou o deputado provincial. A obra, cun orzamento de 160.000 euros, foi financiada ao 100% pola Deputación de Pontevedra a través do plan provincial de obras, que “este ano foi o máis alto da historia da institución provincial”, tal e como destacou Tourís.

As intervencións principais incluíron tamén a construción de escaleiras e graderío, zonas pavimentadas con formigón e acompañadas de áreas verdes, incrementando a súa integración no entorno natural. As escaleiras están rematadas con pasamáns de aceiro cortén, que tamén serven de soporte para o sistema de iluminación.

Entre as actuacións tamén destacan a instalación dun pavimento continuo de formigón con acabados antideslizantes, a disposición de elementos de mobiliario urbano como barandas e bancos, e a integración de novas zonas axardinadas con especies autóctonas. Ademais, habilitáronse espazos para mellorar a accesibilidade.

Galerias de imagenes