O pleno da Deputación aproba unha modificación de crédito de 2 M€ para investimentos nos concellos e a axenda rural e urbana para deseñar o futuro da provincia

A sesión ordinaria serviu tamén para amosar o apoio do organismo provincial á Garda Civil a través da aprobación dunha moción do grupo popular para pedir o mantemento de todos os cuarteis da provincia e a dotación de máis medios persoais e materiais

25/10/2024

Luis López

O pleno da Deputación de Pontevedra, na sesión correspondente ao mes de outubro, deu luz verde a unha modificación de crédito dous millóns de euros para executar distintos investimentos nos concellos e á nova axenda rural e urbana que rexerá o desenvolvemento da provincia no futuro inmediato. Así mesmo, a sesión serviu para aprobar unha moción presentada polo grupo popular para solicitar ao Goberno central o apoio e recoñecemento ao labor que realiza a Garda Civil comprometéndose a manter a súa presenza en todos os cuarteis da provincia e dotándoa de máis medios persoais e materiais. Outros asuntos da orde do día aprobados neste pleno foron a modificación puntual da Ordenanza Provincial Xeral de Subvencións, o cambio de titularidade de dous treitos das estradas provinciais EP-7102 e EP-6517 en favor dos Concellos de Cerdedo-Cotobade e Silleda.

O punto principal da sesión, aprobado cos votos favorables de populares e nacionalistas malia o rexeitamento dos socialistas, foi unha modificación de créditos, a quinta deste ano, por valor de 2 millóns de euros que se destinarán a realizar distintos investimentos nos concellos da provincia, entre os que sobresae o convenio de colaboración co Concello de Pontevedra valorado en 940.000 euros para a construción do viario de conexión entre a Avenida de Marín e a rúa Rosalía de Castro en Mollabao, os 350.000 euros para a humanización da Praza de Cimadevila, en Soutomaior, que foran excluídos do ReacPon polo anterior goberno e que deben ser concedidos segundo recolle unha sentenza do TSXG, 110.000 euros para a excavación do Coto Altamira en As Neves ou unha achega de 60.000 euros para a iluminación das Aldeas de Nadal en Lalín, entre outros investimentos relacionados con obras, cultura ou emprego. Estes proxectos fináncianse con cargo a baixas por anulación con cargo a distintas aplicacións dos Centros Xestores que os solicitan, cuxos créditos son reducibles sen minorar os respectivos servicios, con fondos sobrantes e con maiores ingresos a recibir nas entregas a conta da Participación dos Ingresos do Estado.

Outro asunto de relevancia no debate foi a proposta presentada polo Grupo Popular para poñer en valor a presenza e labor da Garda Civil na provincia. Unha moción, que saíu adiante grazas aos votos favorables do grupo de goberno a pesar do voto en contra do PSOE e a abstención do BNG; dirixida ao goberno central e que consta de oito puntos. En primeiro lugar, reclamar o compromiso de manter a presenza dos axentes en todos os cuarteis que a Garda Civil ten pola provincia de Pontevedra e dotándoos de máis medios persoais e materiais. Así mesmo, reclámase colaborar cos concellos no mantemento da seguridade cidadá, proceder á atención presencial dos pontevedreses nestes cuarteis as 24 horas do día, rexeitar o peche de calquera posto na provincia de Pontevedra e reforzalos de maneira urxente en todas aquelas zonas que carecen de Policía Local e ocupar as prazas totais que aparecen no catálogo de postos de traballo para a provincia de Pontevedra e que están libres na actualidade. Do mesmo xeito, a reclamación inclúe a elaboración dun plan de incentivos profesionais e económicos para que os axentes queiran ocupar os postos de baixa demanda do medio rural e o emprego urxente das vacantes do persoal en reserva sen destino para dotar de máis axentes á provincia.

Por unanimidade foi aprobada a nova Axenda Rural e Urbana que rexerá o desenvolvemento da provincia nun futuro inmediato. Un documento que estratéxico e transversal que recolle un plan de acción centrado en seis dimensións temáticas e 38 liñas de acción concretas. A primeira está relacionada coa cohesión e vertebración do territorio, a segunda, coa integración social; a terceira, co desenvolvemento económico e empresarial; a cuarta, coa natureza, o patrimonio e a identidade territorial; a quinta, coa calidade de vida, accesibilidade e igualdade; e a sexta leva o nome de metabolismo territorial circular e céntrase na xestión eficiente dos recursos (auga e enerxía) e na redución da xeración de residuos.

A sesión comezou coa votación favorable da delegación de facultades en materia de xestión tributaria e recadación da taxa pola prestación do servizo de rede de sumidoiros, saneamento e depuración de augas residuais do Concello de Cerdedo-Cotobade na Deputación e continuou coa aprobación da modificación puntual da Ordenanza Provincial Xeral de Subvencións para aclarar unha apartado relacionado coas obrigas dos solicitantes que resultaba ambiguo. Tamén recibiron luz verde por parte do pleno provincial o expediente de suplemento de créditos da Escola Universitaria de Enfermería valorado en 10.000 euros para a adquisición dunha sonda de ecografía, a modificación do proxecto para a remodelación da piscina municipal de Agolada ao abeiro do Plan 2030 ou os cambios de titularidade de treitos das vías da EP-7102 entre Serrapio e A Portela en favor do Concello de Cerdedo-Cotobade e da EP-6517, entre Cachafeiro e Silleda en favor do Concello de Silleda.

No apartado de mocións, o grupo popular presentou tamén unha proposta para reclamar ao Ministerio de Transportes o mantemento da gratuidade dos bonos de viaxes para os trens de media distancia para o ano 2025 e sucesivos co propósito de favorecer o avance da mobilidade sostible na provincia de Pontevedra e no resto de Galicia. Unha demanda aprobada grazas aos votos favorables dos deputados do PP, coa abstención do BNG e o voto en contra do PSOE. Pola contra foi rexeitada a moción do grupo socialista relacionada coa financiación do Plan de Transportes por estrada de Galicia. O PSOE decidiu retirar do debate a súa segunda moción relacionada con SmartPeme porque a Xunta de Goberno renovara o servizo na Xunta de Goberno deste xoves.

Galerias de imagenes