Marta Fernández-Tapias anuncia que o luns se darán a coñecer os seis proxectos audiovisuais seleccionados para participar no programa “Conecta Lab”

A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra realizou o anuncio durante a apertura da xornada Conecta+, na que 22 creadoras e creadores galegos tiveron a oportunidade de presentar os seus proxectos audiovisuais a produtoras de España e Portugal

20/01/2024

Marta Fernández-Tapias na xornada Conecta +

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, acaba de anunciar que o luns se darán a coñecer os seis proxectos seleccionados para participar en abril, na Illa de San Simón, en “Conecta Lab”, o laboratorio creativo de acompañamento e impulso de creacións audiovisuais emerxentes de proxección que promove a institución provincial xunto coa CREA (Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización), AGADIC (Axencia Galega de Industrias Culturais) e DAMA (a única entidade española especializada na xestión de dereitos de autor de obras audiovisuais). O anuncio tivo lugar durante o acto de apertura da xornada Conecta+, no que xunto á vicepresidenta provincial participou o presidente da CREA, Fon Cortizo, e na que 22 creadoras e creadores galegos tiveron a oportunidade de presentar os seus proxectos audiovisuais a produtoras de España e do norte de Portugal.

“Trátase dunha oportunidade única, dunha xornada moi produtiva na que, ademais de aprender a impulsar máis eficaz e eficientemente proxectos audiovisuais, poñeremos novamente en valor que Pontevedra é unha provincia talentosa, traballadora, creativa, chea de imaxinación e cun gran potencial audiovisual”, asegurou a vicepresidenta e delegada de Cultura da Deputación na apertura de Conecta+.  Fernández-Tapias remarcou, ademais, que “somos moi conscientes de que potenciar a cultura e a industria audiovisual é apostar pola provincia; esta é a nosa meta e cara a ela diriximos os nosos esforzos, tendendo pontes e sumando sinerxías para que Pontevedra avance.”

A vicepresidenta provincial recordou que foron 200 as persoas que se presentaron á convocatoria para participar en “Conecta Lab”, das que se seleccionarán cinco para participaren en abril no mencionado programa, que terá lugar na illa de San Simón. A estas cinco sumarase unha sexta elixida entre os 22 proxectos que participaron este sábado na sede de Vigo na novena xornada Conecta+, tras ser seleccionados, á súa vez, entre 80 que formalizaron praza para participar no encontro.  “Encantaríanos que todos, tanto os 200 que se presentaron á convocatoria do ‘Conecta Lab’ como os 80 que se inscribiron nesta xornada, puidesen participar no laboratorio creativo da illa de San Simón, pero trátase dun acompañamento individualizado, e prestar unha atención individualizada a preto de 300 proxectos sería inabarcable”, asegurou Fernández-Tapias. “En calquera caso —engadiu a vicepresidenta—, a Deputación de Pontevedra ten un firme compromiso co sector audiovisual e estaremos en contacto moi estreito con todos vós xa que é a nosa vontade facilitar o traballo dos profesionais do audiovisual, potencialo e traballar para que grandes producións audiovisuais poidan rodarse aquí, na nosa provincia.”

Durante a xornada Conecta+ os creadores tiveron a oportunidade de presentar os seus proxectos, a través de reunións persoa e persoa con RTVE Cine, A Contracorriente, Sentido Films, Sétima, Frida Films, Ollo Vivo, Portocabo, La Región, Miramemira ou Gaita Filmes. De todas elas recibiron orientacións para fortalecer as súas ideas ou para desenvolvelas axeitadamente, así como asesoramento sobre a súa viabilidade económica e como escoller os equipos para facelas realidade con éxito.

Xunto ás produtoras españolas, por vez primeira na historia de Conecta+, este ano a vintena de proxectos audiovisuais participantes na xornada tiveron a oportunidade de presentarlles as súas ideas a empresas do norte de Portugal coma FilmesDaMente, Pixbee ou O Olhar de Ulisses. Ademais, a xornada completouse co coloquio “Desmontando o dossier de venda”, co que se lle puxo fin a esta novena edición de Conecta+.

Galerias de imagenes