Luis López destaca como un novo compromiso da Deputación con Vigo o rescate de 6,2 millóns de euros en investimentos antes do vencemento do prazo

O presidente provincial asina tres convenios co alcalde de Vigo, Abel Caballero, para a execución de tres proxectos que aseguran o aproveitamento destes fondos

20/09/2024

luis lópez e Abel Caballero

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou a colaboración institucional entre o organismo provincial e o Concello de Vigo para asegurar un investimento de 6,2 millóns de euros, dos que a Deputación achega o 70 %, para executar tres obras de mellora da mobilidade urbana na principal cidade de Galicia. Na Pinacoteca Fernández del Riego, o presidente Luis López e o alcalde Abel Caballero asinaron tres convenios para a instalación de ramplas mecánicas entre as rúas Álvaro Cunqueiro e Tarragona por 2,8 millóns, a humanización de San Roque por 2,3 millóns e a implantación dun novo ascensor en Juan Ramón Jiménez por 1,15 millóns. “Estabamos ante o risco certo de que Vigo, o 1 de xaneiro, quedara sen 6,2 millóns para investir. Ante tal escenario, tiñamos tres alternativas: lamentarnos, buscar culpables ou solucionar. Pois ben; solucionamos”, afirmou o presidente Luis López despois de firmar os acordos.

O Concello de Vigo e a Deputación asinaran en maio do ano 2021 un convenio para investir 15,8 millóns ao longo das anualidades do 2021, 2022 e 2023. Pero ante a imposibilidade de completar os proxectos previstos no prazo establecido e o risco da perda do financiamento, acordouse aproveitar eses fondos para executar estes tres novos convenios. Completados os trámites administrativos, López e Caballero deron este venres luz verde a tres acordos “para que os prazos non nos atropelen e as obras pasen do papel á realidade”, subliñou o presidente.

Neste sentido, o titular do goberno da Deputación puxo en valor o papel e o traballo realizado da vicepresidenta Luisa Sánchez para desbloquear estes acordos e evitar a perda do investimento. “Todo tería sido moi distinto de non ser pola insistencia, o empeño persoal e a solvencia técnica da vicepresidenta Luisa Sánchez. Cómpre ser xusto, se Vigo vai beneficiarse deste enorme montante de investimento, foi porque ela pilotou as negociacións tanto fóra da Deputación como dentro da Deputación. Así que hoxe estamos todos de parabéns: polo investimento, e por encontrar a vía de asegurar que se fagan realidade”, destacou Luis López.

A Deputación inviste 30 millóns de euros en Vigo

A implicación do goberno da Deputación para a execución de proxectos clave na cidade de Vigo está a ser unha constante ao longo do presente mandato, de feito son xa 30 os millóns de euros comprometidos por parte do goberno provincial. Ademais destes 4,2 millóns de euros, “hai que contar os 13 millóns que destinamos á nova Grada de Gol de Balaídos, os 4,6 millóns que incorporamos á compra do Cine Fraga para convertelo nun epicentro cultural, e as partidas orzamentarias reservadas para investimento na cidade”, lembrou Luis López.

Despois de poñer en valor as pontes tendidas esta semana pola Deputación con outras administracións como a Xunta de Galicia para avanzar no plan de usos do Cine Fraga ou coa Subdelegación e a Xunta para inaugurar as obras do CEIP Daría González de Pontevedra, o presidente amosou o seu agradecemento co alcalde Abel Caballero e ao Concello de Vigo, así como cos técnicos e coa vicepresidenta provincial Luísa Sánchez pola colaboración para facer realidade a sinatura destes convenios. “Quen ten vontade real e leal de colaboración, atopa sempre as portas abertas da Deputación”, concluíu Luis López.

Galerias de imagenes