Luis López sinala a nova ponte de Fontenla, en Ponteareas, como un exemplo da autonomía dos concellos para decidir os seus investimentos

O presidente provincial, acompañado pola alcaldesa e deputada de Turismo, Nava Castro, comprobou o remate dunha obra no que a Deputación investiu 50.000 euros

24/04/2024

nova ponte de Fontenla en Ponteareas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, ilustrou o compromiso da Deputación por tender pontes cos concellos da provincia coa reforma dunha estrada na parroquia de Fontenla, en Ponteareas, danada por unha riada en xaneiro do 2023 e na que o goberno provincial investiu 50.000 euros, a totalidade do custo de execución do proxecto. Nunha visita á estrada que conecta os núcleos de O Ceo e Barbáns, o mandatario provincial referiuse a esta intervención como unha mostra máis do “municipalismo” que rexe a acción de goberno da Deputación para “poñer á disposición dos veciños un viario que comunica e une”.

A obra levada a cabo neste viario do barrio ponteareán da Igrexa consistiu na instalación dun novo marco de formigón para salvar o regato da Bouza e reconectar os núcleos, ao mesmo tempo que se reasfaltou a estrada e mellorouse a seguridade viaria desta ponte con novas barandillas e pasos elevados. Cómpre lembrar que esta estrada estaba cortada desde o 1 de xaneiro do 2023, cando os temporais de inverno provocaron unha riada que derrubou a ponte desta estrada municipal. A Deputación, atendendo as demandas do goberno local, restaurouna para volvela poñer en servizo neste mes de abril.

“Esta obra púidose facer antes, pero non se fixo. Cando Nava Castro accede ao goberno, senta comigo e me di que quere cambiar uns investimentos en Ponteareas. Unha das cousas era esta ponte”, desvelou Luis López facendo fincapé na transcendencia deste proxecto. “Pódese pensar que polo importe é unha obra menor, pero non, é moito máis importante ca outras con cifras moito máis altas”, sinalou o presidente. Unha tese que comparte a alcaldesa. “É unha das obras máis importantes porque facilita o acceso a esta ponte que vai cara a Igrexa e non permitía o paso dos veciños”, afirmou Nava Castro.

Este investimento está incluído nunha subvención da Deputación ao Concello de Ponteareas de preto de 190.000 euros, que se destinarán, ademais da reforma desta estrada municipal, a poñer en marcha unha ludoteca valorada en 100.000 euros, á mellora do centro social por 11.700 euros e ás instalación deportivas de Pardellas por 17.200 euros. Esta axuda tramitouse despois do acordo entre a Deputación e o Concello para extinguir o convenio para a execución do proxecto de humanización da avenida Sarmiento Rivera, que contaba cun orzamento de 630.000 euros, dos que a Deputación achegaba uns 440.000 euros e concedía, a través do Plan Concellos, 189.000 euros. Unha cantidade que se pon novamente a disposición do Concello para destinala a investimentos que responden a necesidades inaprazables para a veciñanza.

Neste sentido, o presidente provincial quixo enxalzar o labor da alcaldesa Nava Castro na súa faceta como rexedora e tamén como deputada provincial responsable da área de Turismo. “Aparcou esa humanización para ter fondos para obras deste tipo e quero felicitala”, confesou o presidente, que tamén amosou a súa satisfacción por contar con Nava Castro no goberno provincial. “É un gran luxo tela na Deputación como a manda máis do Turismo”, remarcou.

O titular da Deputación de Pontevedra tamén puxo esta obra como exemplo do compromiso do seu goberno no apoio aos concellos. “Obras deste tipo dan sentido ao que se fai desde as alcaldías e á Deputación. Estamos para dar solucións aos veciños e representan o municipalismo: que é atender as demandas”, concluíu Luis López, quen lembrou tamén a vocación da Deputación de axudar aos concellos “en todo o que se poida” poñendo como exemplo o Plan +Provincia, que ten en conta problemas que afectan a Ponteareas como a perda de poboación ou o envellecemento da veciñanza á hora de repartir os fondos.

Galerias de imagenes