A Deputación pecha este venres a 15ª edición das Noites de Música Antiga coa agrupación cubana Ars Longa

A formación interpretará ás 19:00 h no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra o programa ‘Do hábito ao canto’

17/07/2024

Ars Longa

A 15ª edición das Noites de Música Antiga, un ciclo xa clásico do verán pontevedrés, pecharase este venres 19 de xullo ás 19:00 h no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. A agrupación cubana Ars Longa, con trinta anos de traxectoria, ofrecerá o programa  ‘Do hábito ao canto’, con pezas compostas en América nos séculos XVII e XVIII.

Ars Longa e únha formación fundada en 1994 por Teresa Paz (soprano e dirección) e Aland López (arquilaúde e guitarra barroca). Completan o grupo María Giménez (soprano), Andrea Trueba (mezzosoprano) e Tin Novio (tiorba e guitarra barroca). Ars Longa son a primeira e máis recoñecida agrupación especializada en Cuba na interpretación historicamente informada e un referente internacional na música antiga. Ao longo da súa traxectoria participou en multitude de concertos e festivais en Europa, Estados Unidos e América Latina, e publicou 15 discos que recrean obras do patrimonio musical cubano e hispanoamericano.

Na actuación que pechará as XV Noites de Música Antiga interpretará o programa ‘Do hábito ao canto’, que reúne unha selección de obras fundamentalmente extraídas da colección Sánchez Garza, conservada no CENIDIM en México. Esta colección provén do Convento da Santísima Trindade de Puebla de los Ángeles, un importante centro de actividade musical durante os séculos XVII e XVIII na Nova España. O repertorio inclúe obras de destacados compositores da época, como Francisco Vidales, Juan de Baeza Saavedra, Antonio de Moura ou Frei Jerónimo González de Mendoza.

A de Ars Longa será a terceira e última actuación desta edición, que arrancou o 5 de xullo coa actuación de Vestigium, trío de músicos españois moi novos residentes en Suíza, e continuou o venres pasado, 12 de xullo, co concerto de  barroco francés a cargo da formación La Bellemont.