A Deputación programa este mércores 14 de agosto concertos en Caldas de Reis, Mondariz e Vilagarcía no marco de +Música

Sés soará en Caldas, ás 21:00 horas; Guadi Galego en Vilagarcía de Arousa, ás 23:00 horas, e Astarot en Mondariz, á 1:00 da madrugada

12/08/2024

A Deputación de Pontevedra financia a través do programa "+Música" tres novas actuacións musicais este mércores, 14 de agosto, noutros tantos concellos da provincia. Deste xeito, Sés estará en Caldas de Reis, as 21:00 horas no Escenario acuático do Umia e dentro da programación das Festas de San Roque; Guadi Galego actuará no Parque da Xunqueira de Vilagarcía, ás 23:00 horas, e tamén dentro das Festas de San Roque, e Astarot estará na Praza de España de Mondariz, xa de madrugada, á 1:00, para celebrar as Festas da Peña de Francia e San Roque.         

Guadi Galego chegará este mércores a Caldas de Reis para presentar "Síntese Horizonte", un espectáculo concibido para representarse ao vivo, da man dunha portentosa banda e cunha produción que destaca pola súa coidada iluminación e posta en escena. Galego trátase dunha das artistas máis relevantes da escena musical galega das últimas décadas.

Pola súa banda, a cantautora Sés presentará en Vilagarcía de Arousa o seu oitavo e último traballo discográfico, "Diante un eco", unha volta aos inicios así como unha reafirmación da estética popular da que a artista se sente debedora. O estilo da coruñesa mestura a doses perfectas rock'n roll, tradición oral galega e certa cadencia da canción de autor latinoamericana con actitude punk.

E en Mondariz, Astarot compartirá escenario con Luar na Lubre para ofrecer un concerto no que conmemorará o 40 aniversario do grupo, interpretando unha serie de temas que forman parte da cultura galega incluídos na súa traxectoria discográfica e musical. Destacan a versión dos clásicos galegos, temas populares e cancións propias do grupo.

Todas estes concertos enmárcase en +Música, a iniciativa coa que a institución provincial pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un catálogo de artistas galegos e en galego co obxectivo de fomentar a cultura e lingua galega, así como impulsar a reputación da provincia de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. Trátanse de catro das 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia: 5 en maio, 2 en xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro. "+Música" ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.