Luis López destaca o medio millón de euros investido pola Deputación na área de deportes urbanos de Mondariz para afondar na modernización das infraestruturas

O organismo provincial mobiliza máis dun millón de euros en Mondariz no eido deportivo: 0,5 millóns para unha nova área deportiva da Lagoa ao abeiro do PON2030 e 42.000 euros para a piscina municipal co Plan de Infraestruturas Deportivas

19/06/2024

Luis López en Mondariz

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou o investimento de máis de medio millón na construción da nova área de deporte urbano de Mondariz que, xunto con outros proxectos previstos neste Concello impulsados polo goberno provincial, como a creación dunha nova zona deportiva nas Lagoas ou a mellora das piscinas municipais fan que “Mondariz e a Deputación compartan o espírito do deporte”.

“Nós sempre dicimos que somos a provincia do deporte e Mondariz é un claro exemplo”, remarcou López. Un destes exemplos é a inauguración este martes desta área de deporte urbano, un espazo no que a Deputación investiu ao abeiro do programa ReacPon un total de 392.000 euros, unha cifra que completou cunha achega de 112.000 euros correspondente ao Plan Concellos do 2022-2023 e cunha axuda de 70.000 euros concedida en setembro do 2023 para realizar diversas melloras na parcela. Esta área de deporte urbano conta cunha pista polideportiva de fútbol, balonmán ou baloncesto; así como instalacións para a práctica do skate, escalada, calistenia ou a xa existente de pump track. Do mesmo xeito, a intervención supuxo unha mellora ambiental e urbanística ao dotala de vexetación, zonas de estancia e un mirador, así como de todos os servizos e comodidades necesarias.

Pero non é o único proxecto posto en marcha pola Deputación neste concello no eido deportivo. Ao abeiro do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que reparte 4 millóns de euros nos concellos da provincia para modernizar estas instalacións, o goberno de Luis López achega 42.300 euros para a mellora das piscinas municipais. Ademais, a través do programa PON2030 ambas as administracións asinaron un convenio para a creación dunha nova zona deportiva na contorna do campo de fútbol da Lagoa. Un proxecto valorado en preto de medio millón de euros que a Deputación financia ao 100 % mediante unha achega de 400.000 euros derivada deste convenio e outra de 75.000 euros do +Provincia para cubrir a aportación municipal. “A colaboración máxima cos concellos, esa é a filosofía da Deputación”, asegurou o presidente, quen agradeceu o labor realizada por todos os responsables técnicos e políticos que formaron parte deste proxecto.

Unha obra que consolida á provincia como unha “potencia” no ámbito deportivo e que chega acompañada doutras iniciativas como un Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para melloras nos concellos de menos de 50.000 habitantes dotado con 4 millóns de euros, o apoio a clubs e deportistas de alto nivel, como a alianza con Teresa Portela; a única deportista española que vai participar en sete Xogos Olímpicos e que para levar o nome das Rías Baixas por todo o mundo; ou a acollida de eventos deportivos de interese global, como La Vuelta a España, que este ano terá unha etapa con saída na comarca do Condado.

Galerias de imagenes