A Deputación leva este sábado a Moraña outra dobre sesión de cinema no marco do Ciclo Mestre Mateo

O Edificio multiúsos acollerá, a partir das 18:15 horas, unha sesión de curtametraxes e a proxección da premiada “O corno”

19/12/2024

O Edificio multiúsos de Moraña acolle este sábado 21 de decembro outra dobre sesión de proxeccións cinematográficas enmarcada no Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra. A finalidade desta iniciativa é achegar aos concellos da provincia as longametraxes e curtametraxes tanto de ficción como documentais que resultaron finalistas na última edición dos premios do audiovisual galego. Na sesión deste sábado, que comezará ás 18:15 horas, exhibirase unha selección de curtametraxes e mais a galardoada “O Corno”, dirixida por Jaione Camborda.

Durante a sesión de curtametraxes exhibiranse cinco títulos. “Antes de que se poña o sol” (Nani Matos) xira sobre unha reunión familiar na que catro irmáns teñen que tomar unha decisión e non todos están de acordo. En “O coidado” (Miguel Canalejo), Eduardo comeza a ter problemas para coidar de si mesmo. Vive cun androide cuxa única función é mellorar a súa calidade de vida e no que atopa a relación de intimidade que non é quen de afianzar co seu fillo. “To bird or not to bird” (Martín Romero) é unha mirada crítica e caleidoscópica do mundo actual contada a través das traxicómicas e esperpénticas vivencias duns paxaros. En “O neno sardiña” (Lucía Estévez) un neno-sardiña cruza a corrente do Miño deixando atrás aqueles que celebran o seu enterro co fin do Entroido. Por último, “Ulises” (Félix Brixel) sofre un acusado trastorno psicomotor e á vez está ao coidado do seu irmán. Un día abandona a casa familiar e decide enterrarse vivo. O irmán, desesperado, atópao e convénceo para volver, pero xa non sabe que facer para protexelo.

“O Corno” converteuse na primeira película en galego en obter a Cuncha de Ouro do Festival de Cinema de San Sebastián e, ademais, conta co apoio económico da Deputación de Pontevedra ao ser unha produción audiovisual rodada na provincia. Está ambientada na Illa de Arousa no ano 1971, e narra a vida de María, unha muller que gaña a vida mariscando e é coñecida na illa por axudar a outras mulleres nos seus partos con especial dedicación e coidado. Tras un suceso inesperado, ten que fuxir e loitar pola súa supervivencia cruzando a fronteira por unha das rutas de contrabando entre Galicia e Portugal. A proxección comezará arredor das 19:30 horas.

A programación desta nova edición do Ciclo Mestre Mateo está a chegar aos concellos de Cerdedo-Cotobade, Moraña, As Neves e Ribadumia. Ademais de curtametraxes e “O Corno”, tamén haberá proxeccións de “Matria”, “Fatum”, “Os espazos en branco”, “A viaxe de Lucy”, “Salta!”, “Emoción, vida e teatro. A nave das Marías” e “Chichi e mais eu”.