A Deputación aproba achegas por valor de 360.000 euros para que tres concellos da provincia realicen melloras en equipamentos deportivos

Son recursos do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado con 8 millóns de euros para os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, que chegan esta semana a Baiona, Covelo e A Estrada

07/02/2025

luis lópez

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar novas achegas por valor de 360.000 € do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para que os concellos de Baiona, Covelo e A Estrada acometan melloras en diferentes equipamentos deportivos. Como explicou o presidente da institución provincial, Luis López, “cos 8 millóns de euros deste plan, o dobre que na pasada edición, continuamos modernizando os equipamentos deportivos do conxunto da provincia como nunca antes se fixera“.

En concreto, o Concello de Baiona recibirá 96.628 € para os traballos de adecuación e mellora do pavillón do CEIP Fontes Baiña, unha obra que ten un orzamento total de 513.000 € e que contará tamén  cunha achega de 230.000 € do Plan +Provincia. Con estes recursos mellorarase o acceso á pista polideportiva, así como os vestiarios e aseos, a cuberta do pavillón e a protección fronte o vento e a chuvia. Tamén se mellorará a conexión entre o pavillón e o ximnasio e o centro docente e se realizarán tarefas de reparación, mantemento e mellora das instalacións.

Pola súa banda, Covelo contará con 60.928 € para financiar ao 100% as obras de mantemento e conservación da piscina municipal, que inclúen a renovación do vaso, dos pavimentos exteriores, o canal perimetral, o sistema de filtracións e as áreas de servizo, co obxectivo de garantir a súa funcionalidade, seguridade e emprego.  Ademais, A Estrada recibirá 201.377 € para as obras de remodelación do campo de fútbol Manuel Regueiro, no que se procederá a substituír o peche e as gradas existentes, así como a construír novos aseos e outras melloras no campo.