Luis López salienta un novo esforzo da Deputación para mellorar e modernizar as estradas provinciais cun investimento de 500.000 euros na EP-8404 en Cuntis

O presidente provincial, acompañado pola deputada de Infraestruturas, Isabel Couselo, presentou o proxecto de mellora para un treito de 3,5 quilómetros entre as localidades de Piñeiro e Arcos

09/12/2024

Mellorar e modernizar as estradas provinciais en Cuntis

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta o investimento de máis de medio millón de euros que servirán para mellorar a seguridade viaria na estrada provincial EP-8404 entre as localidades de Piñeiro e Arcos, no concello de Cuntis, ao longo dun treito de  tres quilómetros e medio. O mandatario provincial, acompañado pola deputada responsable de Infraestruturas, a cuntiense Isabel Couselo; presentou esta tarde ao pé desta estrada un proxecto que financia o ente provincial por completo e que supón unha nova mostra do compromiso da Deputación coa mellora da rede de estradas provinciais para facelas máis seguras e modernas. “Este compromiso xa está ben consolidado, pero segue avanzando con cada actuación que poñemos en marcha, da man de obras como esta, que imos poñer en marcha nos próximos meses”, afirmou o dirixente.

A obra está valorada en 522.800 euros e ten un prazo de execución de catro meses. Un investimento que asume ao 100 % o organismo provincial e que consistirá na implantación dunha nova capa de rodaxe e o arranxo dos problemas de filtracións de auga que padece actualmente, así como a renovación da sinalización horizontal e vertical e a construción de novas cunetas. Do mesmo xeito, nas zonas reservadas para o peóns procederase á colocación de lousas hidráulicas para rematar os tramos de beirarrúas. Trátase dunha actuación integral que mellorará a seguridade e a funcionalidade desta vía favorecendo unha mobilidade segura e axeitada para as persoas. “Vai ser unha posta a punto total que vai supoñer un antes e un despois nesta vía”, resumiu López.

Neste sentido, o mandatario provincial tamén puxo en valor a implicación da responsable de Infraestruturas, Isabel Couselo —coñecedora da necesidade desta actuación e das demandas da veciñanza— para que o proxecto responda ás necesidades reais da estrada. “Estamos a poñer en marcha actuacións e melloras nos 1.600 quilómetros da rede de estradas provinciais, pero unha das maiores actuacións que temos en marcha na Deputación estes meses é na estrada que conecta a Igrexa de San Mamede coa de Arcos. Unha estrada na que era preciso facer arranxos e implantar cunetas de seguridade para que poidamos camiñar de xeito seguro”, explicou a deputada Isabel Couselo.

Non é a única obra en marcha que a Deputación ten en marcha neste Concello no ámbito das infraestruturas viarias. A través do acordo marco de cunetas de seguridade estase a proceder á mellora da seguridade de distintos treitos das estradas provinciais EP-8402 e EP-8403 ao seu paso polas localidades de Xinzo, A Casiña ou Piñeiro.

Galerias de imagenes