Rafa Domínguez recibe en Santa Clara aos artistas Marina Núñez e Manuel Casimiro e confirma que participarán na Bienal de Arte

Na súa visita, ambos artistas percorreron da man do vicepresidente provincial as instalacións do Convento de Santa Clara.

09/09/2024

Rafa Domínguezcon artistas da Bienal Marina Núñez e Manuel Casimiro

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra Rafa Domínguez acaba de recibir no Museo de Pontevedra á artista española Marina Núñez e ao portugués Manuel Casimiro e confirmou que serán dous dos participantes da recuperada Bienal de Arte. Na súa visita, ambos percorreron da man de Domínguez as instalacións do Convento de Santa Clara.

A XXXIII Bienal de Arte de Pontevedra, que regresa despois de 15 anos e terá lugar na Boa Vila entre o 15 de xuño e 30 de setembro de 2025, “situará –asegurou o vicepresidente provincial– a cidade do Lérez no epicentro internacional da arte contemporánea e será tamén un importante revulsivo económico para toda a provincia”. Deste xeito, baixo o título “Volver a ser humanos… Ante a dor dos demais” a Bienal atraerá artistas destacados como Francesc Torres, Farida El-Gazzar, Raida Adon,  Patrice Warrener e os propios Marina Núñez e Manuel Casimiro, que foron confirmados por Rafa Domínguez ao longo das últimas semanas, e outros moitos de relevancia internacional, promovendo o intercambio cultural con propostas artísticas innovadoras, ofrecendo un espazo para a experimentación e a creatividade, e integrando a cidade no evento, fomentando a participación e o desfrute da arte por parte de toda a veciñanza.

Marina Núñez (Palencia, 1966) é unha artista multidisciplinar española. Licenciada e doutorada en Belas Artes, é profesora da Universidade de Vigo. Coa súa obra plástica máis recente a artista invita a reflexionar sobre como afectan á nosa subxectividade e á nosa vida as cada vez máis habituais interferencias entre o humano e o tecnolóxico. A súa obra sempre destacou polas representacións de seres aberrantes, diferentes, que existen á marxe ou en contra do canon. Os corpos anómalos que forman parte dos seus cadros, infografías e vídeos falan dunha identidade metamórfica, híbrida e múltiple.

Pola súa banda, Manuel Casimiro (Oporto, 1941) é pintor, escultor, deseñador e director de cine. Fillo do cineasta Manuel de Oliveira, na súa longa traxectoria ten realizado decenas de exposicións individuais e colectivas en varios países europeos, Estados Unidos, Brasil e China. En 1976 trasladouse a Niza, Francia, despois de recibir unha beca da Fundación Calouste Gulbenkian, co obxectivo de realizar investigacións no campo das artes visuais. Casimiro sempre priorizou a investigación e o  desenvolvemento da súa obra, as “cousas mentais” que mencionaba Leonardo da Vinci, en detrimento do arribismo, as tácticas e estratexias de mercado. A súa obra, ademais de aparecer en coleccións privadas de varios países, tamén está presente na colección de varios museos de todo o mundo.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 10 resultados.