Luis López salienta que o Plan +Provincia da Deputación mobiliza esta semana 2,2 millóns euros para que 13 concellos impulsen investimentos, afronten gasto corrente e contraten persoal
Estes novos recursos beneficiarán á Estrada, Baiona, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Gondomar, Meaño, Mondariz, O Rosal, Poio, Ponteareas, Tui, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa
28/02/2025
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar 2,2 millóns de euros para que 13 concellos da provincia impulsen novos investimentos, afronten gasto corrente e contraten a 117 persoas ao abeiro das tres primeiras liña do Plan +Provincia 2025. En concreto, A Estrada, Baiona, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Gondomar, Meaño, Mondariz, O Rosal, Poio, Ponteareas, Tui, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa. O presidente provincial, Luis López, asegurou que o goberno provincial segue “avanzando, unha semana máis, no reparto de fondos do +Provincia, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación, que xa leva distribuídos 9 millóns de euros neste 2025 entre os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes”.
Desta maneira, na liña 1, de investimentos, aprobáronse 590.000 € para Ponteareas e A Estrada. En concreto, Ponteareas recibirá 493.573 euros para a construción de nova escola infantil no parque Ferro Ucha, un proxecto que ten un orzamento total de 1.059.766 €, e A Estrada 106.344 € para a remodelación do Manuel Regueiro, unha obra financiada ao 100% pola Deputación de Pontevedra grazas a outra achega de 201.277 € do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Ademais, Cerdedo-Cotobade recibirá 70.928 € ao abeiro da liña 2, de gasto corrente, para a programación cultural, deportiva e social do Concello.
No marco da liña 3, de emprego, a Xunta de Goberno aprobou máis de 1,5 millóns de euros para que os concellos de Baiona, Cuntis, Gondomar, Meaño, Mondariz, O Rosal, Poio, Tui, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa poidan contratar a 117 persoas desempregadas. Deste xeito, Baiona recibirá 199.586 € para contratar a 13 traballadores que desempeñarán as funcións de peóns de obras públicas (7), operarios de limpeza viaria e recollida de lixo (4), conserxe (1) e condutor (1); Cuntis 118.117 € para 9 traballadores como albaneis (3), peóns de obras (2), xardineiros (2), técnico forestal (1) e auxiliar administrativo (1); Gondomar 213.779 € para 12 persoas que traballarán como peóns de obras públicas (5), peóns forestais (2), auxiliares administrativos (2), condutor de camión (1), palista (1) e tractorista (1); Meaño 109.903 € para contratar a 13 traballadores como peóns de obras públicas (4), albaneis (2), operario condutor (1), traballador forestal (1), limpador (1), administrativo (1), técnico de educación infantil (1), coidador de comedor escolar (1) e coidador da terceira idade (1), e Mondariz contará con 115.214 € para contratar a 9 persoas desempregadas como operarios de servizos múltiples (8) e auxiliar de servizo de axuda no fogar (1).
Ademais, O Rosal recibirá 125.190 € para contratar a 8 traballadores como peóns de limpeza viaria (3), oficiais de obras (3), auxiliar de axuda no fogar (1) e oficial electricista (1); Poio 222.105 € para 22 persoas que desempeñen funcións de limpadores (4), subalternos/conserxes (3), operarios de servizos múltiples praias (3), oficiais de 1ª condutor de praias (3), operarios peóns de obras públicas (2), traballadores do ciclo superior de turismo (2), oficiais de 1ª electricistas (2), auxiliar de clínica (1), traballador social (1) e animador sociocultural-técnico de cultura (1); Tui 222.200 € para contratar a 16 traballadores como peóns de horticultura e xardinería (14), oficial de 2ª fontaneiro (1) e operario de soldador cerralleiro (1); Vila de Cruces 147.161 € para 11 persoas como operarios albaneis (4), peóns de obras, forestais ou xardineiros (3), operarios condutores (2), operario para manexo de diversa maquinaria (1) e conserxe de edificios (1), e, finalmente, Vilanova de Arousa 71.810 € para contratar a 4 persoas desempregadas como chofer tractorista (1), limpador (1), mantedor de instalacións deportivas (1) e guía de turismo (1).