A Deputación leva este sábado ao Porriño unha actuación de Milladoiro no marco do programa +Música

O concerto financiado pola institución provincial forma parte das actividades organizadas co gallo das Festas do Cristo e serve de peche aos concertos programados pola Deputación este ano

19/09/2024

A Deputación de Pontevedra financia a través do programa +Música a actuación musical de Milladoiro que se celebrará este sábado 21 de setembro a partir das 21:00 horas na Rúa Domingo Bueno do Porriño. Con +Música, a institución provincial pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un catálogo de artistas galegos e en galego co obxectivo de fomentar a nosa cultura e a nosa lingua, así como impulsar a reputación da provincia de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel.

Milladoiro celebra este 2024 os seus 25 anos nos escenarios, unha longa traxectoria nacida en 1979 que xa lles valeu recoñecementos importantes como a Medalla de Ouro de Galicia (2012), a Medalla Castelao da Xunta de Galicia (2004) ou o Goya á mellor banda sonora oxiginal por ‘La Mitad del Cielo’ en 1986. Durante estes anos levan percorrendo espazos, silencios e xeografías intentando atopar a beleza detrás de cada pentagrama, coa memoria do país e a pobreza socio-ambiental moi presentes.

O concerto de Milladoiro forma parte da programación das Festas do Cristo do Porriño, e é unha das 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia no marco deste programa provincial: 5 en maio, 2 en xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro. +Música ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos. A actuación de Milladoiro, así como a de Lontreira tamén o sábado 21 de setembro na Illa de Arousa, son as últimas da actual edición do programa.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.