A Deputación leva este domingo a Agolada unha actuación de Xurxo Fernandes no marco de “+Música”

O concerto financiado pola institución provincial forma parte das actividades organizadas en Agolada co gallo da súa XXVII Mostra de Artesanía

10/08/2024

A Deputación de Pontevedra financia a través do programa “+Música” a actuación musical de Xurxo Fernandes que se celebrará este domingo 11 de agosto a partir das 13:30 horas na Praza do Concello de Agolada. Con esta iniciativa, a institución provincial pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un catálogo de artistas galegos e en galego co obxectivo de fomentar a nosa cultura e a nosa lingua, así como impulsar a reputación da provincia de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel.

Xurxo Fernandes, con formación en baile e canto tradicional e máis de tres décadas investigando a música do rural galego da man das mulleres que transmiten a sabedoría popular, levará a Agolada un espectáculo centrado no seu proxecto ‘Levaino!’: un álbum que recolle unha colección de 12 temas en forma de paisaxes sonoras que comezan no Mediterráneo Oriental e rematan en Galicia. A súa actuación contará coa colaboración do grupo de pandeireteiros PanSenFron, que levan anos levando a música e a cultura galegas a recunchos de todo o mundo como Italia, Marrocos, Romanía, Bulgaria, Cabo Verde ou a India.

O concerto de Xurxo Fernandes forma parte das actividades lúdicas coas que o Concello de Agolada dinamiza a súa XXVII Mostra de Artesanía, e é unha das 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia no marco deste programa provincial: 5 en maio, 2 en xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro. “+Música” ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.