A Deputación leva este domingo o circuíto +Escénicas ata Ribadumia con “Contos que foron chistes”, de Avelino González
A peza teatral, pensada para todos os públicos, poderá verse ás 19:00 horas no Auditorio municipal
14/11/2024
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 17 de novembro o circuíto +Escénicas ata Ribadumia. A peza teatral “Contos que foron chistes”, de Avelino González, poderá verse ás 19:00 horas no Auditorio municipal. +Escénicas trátase dun novo circuíto da institución provincial, dotado con 150.000 euros, que vai espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025.
En “Contos que foron chistes” o actor e contador de historias Avelino González reflexiona sobre como moitos chistes son, en realidade, unha adaptación de contos vellos. Ademais, os contos e os chistes non teñen máis fronteira que o sentido do humor de cada quen. Por iso hai contos moi semellantes en distintos países; contos que coñecemos como moi galegos pero que se dan tamén en países como China ou no Vietnam.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional ven facendo dende hai máis de 15 anos. Ao seu abeiro a cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros e para a súa posta en marcha a institución provincial lanzou un amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro que está dispoñible na páxina web da Deputación de Pontevedra.