A Deputación organiza esta semana 17 saídas ao abeiro do Plan “+Convivencia” coa participación de máis de 930 persoas

Os participantes, de entidades de doce concellos das provincia, visitarán lugares como as illas Cíes, Ons, San Simón e Tambo, Poio, Sanxenxo, ou, entre outros, O Grove

23/07/2024

Máis de 930 persoas de 17 entidades diferentes da provincia desfrutarán nos vindeiros días de saídas ao abeiro do programa “+Convivencia” da Deputación de Pontevedra, que ofrece a oportunidade de compartir experiencias e crear espazos de participación. Trátanse de asociacións de 13 concellos (A Lama, Meis, Mos, O Porriño, Oia, Poio, Redondela, Ribadumia, Salceda de Caselas, Silleda, Vigo, Vilagarcía e Vilanova de Arousa) que descubrirán lugares como as illas Cíes, Ons, San Simón e Tambo, Poio, Sanxenxo, ou, entre outros, O Grove.

As saídas arrancarán este xoves, 25 de xullo, con as actividades de seis asociacións. En concreto, 54 persoas da Asociación Cultural, Social e Veciñal de Herville, 52 da Asociación de veciños Nosa Terra Pereiras, 54 da ANPA Cela e Pereiras de Alumnos do CEIP Atín Cela e outras 54 da Asociación de Veciños Celado, todas de Mos, visitarán as illas Cíes. Ademais, 51 persoas da Asociación de Mulleres Rurais Os Pazos, de Meis, pasarán o día na illa de San Simón e 52 da Asociación Veciñal Socio-Cultural e Deportiva Santa Eugenia de Mougas, de Oia, farán unha ruta na que descubrirán o Mosteiro de Poio, Combarro e Portonovo.

Xa o sábado, 27 de xullo, serán tres as asociacións da provincia que farán excursións. Así, 54 persoas da Asociación de veciños Verdecedo de los Barrios, da Lama, 50 da Asociación de Veciños Feira de Cabral, de Vigo, e 54 da Asociación de Mulleres Rurais O Campanario, de Vilanova de Arousa, visitarán a Illa de Ons. E o domingo, 28 de xullo, será a quenda das outras sete asociacións. Desta maneira, 54 persoas da Asociación de Veciños de Saramagoso, de Redondela, outras 56 da Asociación de Veciños de San Andrés de Barrantes, de Ribadumia, e 57 da Asociación de Veciños Agrícola e Cultural San Tomé, de Salceda de Caselas, pasarán o día na Illa de Ons.  Ademais, 70 persoas da Asociación de Veciños de Campelo, en Poio, farán unha excursión á Illa de Tambo; 54 persoas da Asociación de Veciños de Soutoxuste, de Redondela, e 57 da Asociación Veciñal e Cultural de Cortegada (Avecuco), de Silleda, descubrirán as Illas Cíes; 54 persoas da Asociación Veciñal e Cultural As Mimosas, do Porriño, visitarán O Grove, a Toxe e Portonovo, e 54 usuarios de Areva – Alcohólicos Rehabilitados, de Vilagacía de Arousa, farán unha saída na que coñecerán Combarro, o Mosteiro de Poio e a Illa de Tambo en barco.

O programa “+Convivencia”, que está dotado con 220.000 euros, permite a entidades sen fins de lucro da provincia coñecer o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. Oferta un amplo catálogo de actividades de todo tipo: relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a relixiosa, a popular, cos faros, co Camiño de Santiago ou cos museos. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia e o prazo para solicitar as actividades, que deberán realizarse antes do 15 de decembro, permanecerá aberto ata o 1 de decembro.

Como novidade, o Goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata 1.000 € para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Deste xeito rómpese co que acontecía ata o de agora, pois eran grandes grupos de viaxes, moi afastados das asociacións que organizaban as actividades, os que se facían coas ofertas.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.