A Deputación organiza esta semana cinco saídas ao abeiro do Plan “+Convivencia” coa participación de máis de 320 persoas

Os participantes, de entidades de Tui, Redondela, As Neves, Mos e A Guarda, visitarán lugares como as illas Cíes e Ons, Poio ou o río Miño

16/07/2024

Máis de 320 persoas de cinco entidades diferentes da provincia desfrutarán nos vindeiros días de saídas ao abeiro do programa “+Convivencia” da Deputación de Pontevedra, que ofrece a oportunidade de compartir experiencias e crear espazos de participación. Trátanse de asociacións de Tui, Redondela, As Neves, Mos e A Guarda que descubrirán lugares como as illas Cíes e Ons, Poio ou o río Miño.

As saídas arrancarán este mércores, 17 de xullo, cando 50 persoas da Asociación Banda de Música Popular de Tui desfrutarán dunha ruta fluvial polo río Miño. Xa o sábado, 20 de xullo, 54 persoas da Asociación Andaina de Persoas con Diversidade Funcional de Redondela farán unha excursión ás Illas Cíes e outras 54 da Asociación de Mulleres Rurais Chan dos Casteliños, das Neves, visitarán o mosteiro de Poio, Combarro e desfrutarán dun paseo en barco. O domingo 21 de xullo será a quenda das últimas dúas asociacións desta semana: 109 persoas da ANPA CEIP Petelos, de Mos, visitarán as Illas Ons e 54 da Asociación Fibromiño da Guarda pasarán un día nas Illas Cíes.

O programa “+Convivencia”, que está dotado con 220.000 euros, permite a entidades sen fins de lucro da provincia coñecer o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. Oferta un amplo catálogo de actividades de todo tipo: relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a relixiosa, a popular, cos faros, co Camiño de Santiago ou cos museos. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia e o prazo para solicitar as actividades, que deberán realizarse antes do 15 de decembro, permanecerá aberto ata o 1 de decembro.

Como novidade, o Goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata 1.000 € para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Deste xeito rómpese co que acontecía ata o de agora, pois eran grandes grupos de viaxes, moi afastados das asociacións que organizaban as actividades, os que se facían coas ofertas.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.