A Deputación dá luz verde ao convenio co Concello de Pontevedra para financiar integramente a rúa Doce de Novembro
Tal e como anunciou a pasada semana o vicepresidente Rafa Domínguez, a institución provincial destinará 710.000 € a esta actuación que permitirá contar cun novo espazo público en Pontevedra
31/10/2024
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra deu hoxe luz verde ao convenio de colaboración co Concello de Pontevedra para as obras de acondicionamento da parcela sobre a vía férrea da rúa Doce de Novembro. O proxecto, como xa anunciou a pasada semana o vicepresidente, Rafa Domínguez, conta cun orzamento de máis de 710.000 euros e estará financiado integramente pola institución provincial. “Trátase dunha proba máis da lealdade institucional e da estreita colaboración entre este goberno da Deputación e o Concello de Pontevedra”, asegurou o presidente Luis López quen engadiu que a aprobación do convenio permite atender “demandas históricas da veciñanza desta cidade”.
En concreto, a actuación porá a disposición dos pontevedreses unha superficie de máis de 4.600 metros cadrados. Desta maneira, contempla a disposición dun novo espazo público, con parque urbano accesible e a recuperación da parte traseira dos edificios da rúa Santa Teresa de Jesús Jornet. O espazo, sen barreiras arquitectónicas, vai integrar unha gran parede vexetal e unha fonte ornamental. Ademais continuará o eixo urbano de espazos de estancia situado sobre o falso túnel existente sobre a vía férrea, conectándoo co tecido urbano.
O convenio marca ademais os prazos desta actuación, de tal xeito que as obras deben estar executadas, rematadas e xustificadas antes do 31 de decembro do 2026, con posibilidade de amplialo, por razóns obxectivas, ata o 31 de decembro do 2027.