Luisa Sánchez supervisa a actuación de renovación do céspede do Campo de Fútbol de Berdón financiada con preto de 180.000 € de recursos provinciais

A vicepresidenta recordou que Vilagarcía é o concello máis beneficiado polo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, ao recibir máis de 206.000€ para financiar a renovación de Berdón e a adquisición dun videomarcador para A Lomba e novos asentos para Fontecarmoa

19/09/2024

Luisa Sánchez supervisa a actuación de renovación do céspede do Campo de Fútbol de Berdón

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, supervisou xunto co deputado de Acción Comunitaria e Equipamentos Públicos, Javier Tourís, a actuación de renovación do céspede do campo de fútbol de Berdón, financiada con preto de 180.000 euros de recursos provinciais. Sánchez recordou que Vilagarcía é o concello máis beneficiado polo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, ao recibir máis de 206.000€ para financiar, ademais do novo céspede de Berdón, a adquisición dun videomarcador para A Lomba, por valor de 22.000 €, e 540 novos asentos para o pavillón de Fontecarmoa, aos que destinou 8.000 €.

O campo de fútbol de Berdón contaba ata a data cun céspede moi deteriorado, que se tiña instalado fai xa 14 anos. Cos recursos provinciais, esta infraestrutura deportiva de alta demanda entre os clubs deportivos de Vilagarcía, contará cun céspede renovado que cumpre cos requisitos de calidade e seguridade para a práctica deportiva. Deste xeito, a renovación permitirá que as instalacións poidan ser empregadas por equipos de fútbol 7, 8, 11 e rugby.

As obras, iniciadas na segunda quincena de agosto, abranguen a retirada do pavimento e equipamento, o acondicionamento da explanada e a reparación das pendentes e irregularidades, así como a revisión da rede de sumidoiros e abastecemento, a limpeza e substitución das tubaxes, a colocación do novo céspede, que combina monofilamentos rectos e filamentos fibrilados de polietileno, e a sinalización do terreo de xogo.

O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación permitiu aos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes promover 59 proxectos cunha mobilización total de 7 millóns de euros. Soamente na contorna de Arousa impulsáronse 14 actuacións, entre elas as de Berdón, A Lomba e Fontecarmoa de Vilagarcía, que mobilizaron 1,5 millóns de euros e que contaron con preto de 750.000 euros de financiamento provincial.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.