Luisa Sánchez destaca o éxito de “Depoemprende na Escola e na ESO” e salienta a necesidade de inculcar a cultura emprendedora entre o alumnado desde a educación infantil

A vicepresidenta da Deputación visitou os postos nos que 10 cooperativas dos 7 centros de ensino de Moaña, Pontevedra, Redondela e Vigo puxeron á venda os produtos das súas iniciativas emprendedoras. En total déronse cita en Vigo preto de 200 alumnos da provincia

13/06/2024

Luisa Sánchez Depoemprende na Escola

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, clausurou este xoves o curso 2023/2024 dos programas provinciais  “DepoEmprende na Escola” e “DepoEmprende na ESO” cun mercado no Porto de Vigo no que participaron preto de 200 nenas e nenos de Educación Primaria, Secundaria e Especial. Sánchez destacou o éxito deste programa provincial e salientou a necesidade de inculcar a cultura emprendedora entre o alumnado desde a educación infantil tras visitar os postos das 10 cooperativas dos 7 centros de ensino participantes, pertencentes a centros escolares de Moaña, Pontevedra, Redondela e Vigo, e facerlles entrega dos seus diplomas acreditativos.

A vicepresidenta Luisa Sánchez lembrou que con este mercado, que clausura o seu paso por esta iniciativa provincial, “poñedes en práctica un dos últimos pasos da cadea do proceso dunha cooperativa, a venda”. A vicepresidenta sinalou que “despois disto toca facer contas, determinar se o negocio é viable ou analizar formas de atraer novos públicos”, polo que se amosou segura de que “este proceso vos fixo poñervos na pel e valorar aínda máis o traballo e esforzo dos pequenos e medianos empresarios nun mundo moi competitivo”. Así, “ademais de comprender e aprender sobre o funcionamento do mundo, veredes o importante que é apoiar o noso comercio local e de proximidade”. Sánchez tamén defendeu a necesidade de incluír contidos relacionados co emprendemento no currículo oficial educativo e agradeceu o traballo dos centros participantes en “DepoEmprende”.

Os centros que asistiron ao mercado de clausura de “DepoEmprende” en Vigo son, na modalidade de “DepoEmprende na Escola”: CEE Pontevedra e CEIP A Xunqueira (Pontevedra), coas cooperativas “CEE Increíbles” e “A Xunqueira Reutiliza”, respectivamente; e mais o CEE Saladino Cortizo (Vigo) coas cooperativas “Os Cortizos” e “P.D.A.”. Na modalidade de “DepoEmprende na ESO” participaron o IES As Barxas (Moaña) con “Renovatti”; o IES Frei Martín Sarmiento (Pontevedra) con “CostaProject” e “Abrazo Maior”; o IES Illa de San Simón (Redondela) con “Project Illa” e “Eco13”; e mais o Colexio Andersen (Vigo) con “Treboada”.

A Deputación de Pontevedra impulsa “DepoEmprende”, en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, na súa liña de apoio ao emprendemento. O programa concrétase na creación de cooperativas escolares nas que o alumnado se encarga de todos os pasos do proceso e, coa venda final, recupera capital e obtén beneficios dos que doa unha parte ás accións sociais ou ONG que as socias e socios elixen por consenso. Ademais desta actividade en Vigo, esta semana tamén se realizou outro mercado con outras centros participantes no programa “DepoEmprende na Escola” que reuniu 250 rapazas e rapaces na Praza da Peregrina de Pontevedra.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.