Luis López destaca a recuperación de xacementos arqueolóxicos, como o Castro da Cividá, para ampliar os recursos turísticos, culturais e educativos da provincia

O presidente provincial, acompañado polo deputado e alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela e o conselleiro de Cultura, Jose López; visita a escavación deste castro no que a Deputación inviste 18.300 euros

17/09/2024

Luis López visita o Castro da Cividá

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinalou o patrimonio arqueolóxico da provincia como un dos principais atractivos culturais e turísticos e o compromiso do goberno provincial coa súa preservación e divulgación nunha visita ao Castro da Cividá, no concello de Cerdedo-Cotobade, onde se está a levar a cabo a segunda fase da escavación do xacemento para o seu aproveitamento turístico, no que a Deputación achega máis de 18.300 euros a través do plan +Provincia. Ademais de axudar a coñecer a historia da provincia, a posta en valor dos xacementos arqueolóxicos "é importante desde o punto de vista cultural e turístico", afirmou o mandatario provincial, que estivo acompañado na visita polo alcalde e deputado provincial, Jorge Cubela; e o conselleiro de Cultura da Xunta, José López.

O xacemento arqueolóxico Castro de Sacos ou A Cividá trátase dun poboado fortificado da Idade de Ferro localizado na parroquia de San Xurxo de Sacos, composto por un recinto de tendencia oval, cunha ampla terraza, fosos e muralla e no que existen tamén gravados rupestres. O obxectivo do proxecto é a escavación e restauración do interior do castro restaurando na súa totalidade as estruturas que se exhumen e que sirvan como recurso turístico, educativo e cultural. Así mesmo, e de cara a facilitar o acceso das persoas, prevese a instalación dunha serie de postes que sirvan de guía para percorrer o castro.

Despois de poñer en valor o traballo realizado polo Concello, a través do rexedor e deputado Jorge Cubela; para facer realidade esta actuación, o presidente da Deputación referiuse ao compromiso da Deputación co patrimonio arqueolóxico da provincia. Neste sentido, o organismo provincial está a relanzar o programa Trazas para fomentar as escavacións, recuperacións, accesibilidade, divulgación e musealización dos distintos xacementos da provincia. Un contido completo ao que o mandatario provincial convida a facer uso aos docentes, pois "está toda a información dos xacementos da nosa contorna para poder traballar en actividades co alumnado". Dentro de Trazas enmárcase tamén o proxecto de mellora dun dos xacementos máis interesantes da provincia, o da Lanzada, onde a Deputación traballa nun proxecto a longo prazo que inclúe investimentos e a ampliación da catalogación do BIC, cuxa tramitación está xa en marcha.

Pola súa banda, Jorge Cubela referiuse ao potencial turístico que teñen estes xacementos para concellos como o de Cerdedo-Cotobade. "Apostar por un turismo baseado na nosa historia e nos nosos recursos é fundamental para atraer visitantes en calquera época de ano", declarou o alcalde e deputado provincial.

O presidente Luis López volveu tender a man da Deputación para seguir colaborando cos concellos na mellora dun dos máis destacados elementos patrimonios e atractivos turísticos cos que conta a provincia; e convidou a toda a veciñanza a achegarse a este Castro da Cividá de Cerdedo-Cotobade, para descubrir os tesouros que se agochan baixo terra na provincia.

Galerias de imagenes