Luis López sinala o turismo e a hostalaría como dous motores para o desenvolvemento económico e sostible da provincia

O presidente da Deputación participa na entrega de premios aos profesionais do sector que organizan as asociacións provinciais de empresarios da hostalaría e hospedaxe

15/04/2024

Luis López durante a celebración da tradicional gala anual para a entrega dos premios de Turismo e Hostalaría

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou os sectores turístico e hostaleiro como dous motores fundamentais para o desenvolvemento da economía e a sostibilidade da provincia durante a celebración da tradicional gala anual para a entrega dos premios de Turismo e Hostalaría da provincia de Pontevedra que promoven a Federación Provincial de Empresarios de Hostalaría e a Asociación de Empresarios de Hospedaxe de Pontevedra. “Somos a provincia de España con máis distintivos de calidade turística e temos un sector que, ademais de ser unha industria de felicidade, tira da economía da nosa provincia con 60.000 empregos, achega o 12 % do noso PIB e é o artífice de que o ano pasado nos visitaran 1,7 millóns de persoas”, resaltou o mandatario provincial.

Un acto para festexar a boa saúde da que goza o sector turístico na provincia e no que a deputada provincial de Turismo, Nava Castro, recibiu un dos galardóns como sinal de recoñecemento dos profesionais á súa longa traxectoria de traballo para consolidar tanto a provincia coma a Galicia como destinos turísticos de primeira orde. “Compartimos non só uns obxectivos, senón a visión para conseguilos. Camiñamos xuntos, sector público e privado, para lograr situar a provincia de Pontevedra e Galicia no mapa, divulgar os seus atractivos e repercutir na prosperidade da nosa xente”, declarou a deputada ao tempo que recoñecía sentirse “moi honrada e agradecida” por recibir unha distinción que fai extensible a todo o equipo de traballadores do departamento de Turismo.

Neste sentido, o presidente Luis López apelou ao compromiso do Goberno provincial para tender pontes co sector do turismo e a hostalaría para consolidar as Rías Baixas como un destino competitivo, moderno e sostible. “Do novo Plan estratéxico para o turismo teredes moito que dicir, e para iso convocarémosvos ás mesas de traballo que comezarán a finais deste mes de abril”, díxolles o dirixente aos representantes do sector co ánimo de traballar de xeito conxunto na elaboración dun proxecto que teña en conta as opinións, coñecementos e análises do sector para construír un modelo turístico sostible, desestacionalizado e lonxe da masificación. “A sostibilidade será a que nos leve a rachar o noso propio teito”, asegurou López, convencido de que o destino turístico das Rías Baixas seguirá rompendo récords.

Do mesmo xeito, López referendou a aposta provincial do turismo coas iniciativas postas en marcha por parte da Deputación neste sentido. Actuacións coma a suba da partida orzamentaria para o Turismo, a participación en programas nacionais como “Praias infinitas” para avanzar na desestacionalización do destino, o apoio á cultura a través dos festivais de música, os investimentos nos castelos de Soutomaior ou Sobroso ou a organización de eventos deportivos de interese xeral coma os partidos das seleccións de balonmán e fútbol, o Gran Camiño ou o regreso de La Vuelta a España á provincia.

O presidente, Luis López, rematou o seu discurso animando o sector a seguir traballando para protexer e potenciar a provincia. “Estamos no bo camiño, sigamos avanzando xuntos ofrecendo a todo o mundo experiencias 100 % Rías Baixas”, concluíu o titular da Deputación. 

Galerias de imagenes