Luis López sinala o reforzo da colaboración coas cooperativas agrogandeiras como mostra do compromiso da Deputación cun motor económico

O presidente provincial participa na sede de Horsal en Cambados nun xantar cos socios dunha das maiores cooperativas de produtores de hortalizas do territorio

19/10/2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinala o incremento ata 350.000 euros da convocatoria de subvencións ás cooperativas agrogandeiras da provincia para o vindeiro ano como mostra do apoio e da sensibilidade do goberno provincial co sector primario no xantar de confraternización dos socios de Horsal á que asistiu este sábado en Cambados. “Desde a Deputación de Pontevedra temos unha sensibilidade especial co sector primario da nosa provincia. Un colectivo vital para a nosa economía e emprego, un motor económico de primeira e un orgullo por abastecernos de produtos de proximidade, sustentables e da máxima calidade”, salientou o mandatario provincial nun encontro cos cooperativistas desta entidade do Salnés.

Especializada na produción e comercialización de hortalizas galegas, Horsal é unha das máis importantes cooperativas da horta atlántica ao contar con preto dun centenar de produtores asociados despois de iniciar a súa actividade con 16 socios. Neste sentido, Luis López puxo en valor o traballo diario que realizan os produtores do sector primario da provincia. “Sabemos ben o que é poñer as botas e ter os pés na terra e que tanto dá que sexa sábado ca mércores”, destacou o dirixente lembrando a súa orixe labrega.

A mostra do compromiso da Deputación co sector agrogandeiro da provincia está no lanzamento dunha liña de subvencións ás cooperativas do territorio que o propio Luis López avanzara o pasado mes de agosto nunha visita as instalacións de Horsal. Unha liña de apoio dotada cun total de 350.000 euros para promover a modernización das instalacións, facilitar o traballo e incrementar a competitividade dos produtores pontevedreses. “Recoñecer este labor vital dun colectivo fundamental era o que nos propuxemos cando reforzamos esta liña de apoios ás cooperativas agrogandeiras da provincia”, concluíu o presidente López.

Galerias de imagenes