Luis López avanza ao alcalde de Rodeiro que a Deputación construirá dúas sendas nas estradas provinciais de Río e San Martiño de Asperelo e mellorará a seguridade viaria no concello
O presidente provincial mantén un segundo encontro institucional co rexedor José Luis Camiñas para analizar asuntos de interese mutuo, así como a transferencia de titularidade de estradas
23/12/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, avanzou ao alcalde de Rodeiro que a Deputación construirá dúas sendas peonís nas estradas provinciais EP-6201 e EP-6202 en dirección ás localidades de Río e San Martiño de Asperelo. Así llo confirmou o mandatario provincial ao rexedor do municipio, Jose Luis Camiñas, no segundo encontro institucional que tivo lugar este luns, nesta ocasión no Pazo provincial, no que ambos os dirixentes analizaron asuntos relacionados coa mobilidade no municipio e a transferencia de titularidade dalgunhas vías.
López sinalou que a aposta do goberno provincial pola mellora da seguridade peonil nas estradas provinciais plasmarase, no caso de Rodeiro, no inicio da redacción dos proxectos para a construción de dúas novas sendas peonís no termo municipal, que se sitúan en dúas cabeceiras de parroquia e son as localidades máis poboadas polas que transcorren estradas provinciais. Por un lado, a Deputación compromete a súa implicación para a mellora da mobilidade peonil un treito de 400 metros na EP-6201 ao seu paso pola localidade de Río. Por outro, tamén comunicou a construción dunha senda peonil nun treito de máis de 300 metros na EP-6202, ao seu paso polo núcleo de San Martiño de Asperelo. En ambos os casos, a actuación servirá para a creación dun espazo seguro para a mobilidade peonil á beira das calzadas, así como muros de contención de pedra e cunetas de seguridade nas zonas onde sexa preciso. Así mesmo, na EP-6201, está completado a ampliación do ancho nun treito desta estrada.
Ademais de trasladarlle o inicio da redacción destes proxectos, o mandatario provincial comunicou ao rexedor que a Deputación transferirá ao Concello un treito da estrada que une as localidades de Río e Rodeiro. A cambio, o goberno provincial ten xa avanzadas conversas coa Consellería de Medio Rural para asumir a titularidade dun viario creado na mesma zona como resultado dun proceso de concentración parcelaria.
Outro dos asuntos relacionados con infraestruturas viarias centrouse na oferta de López de realizar unha permuta de estradas. Nomeadamente, López abriuse a transferir á Deputación estradas de titularidade municipal en dirección ao Concello de Dozón, sempre e cando o Concello de Rodeiro ceda os terreos necesarios para garantir un ancho mínimo de vía de 9 metros.
Asignación fondos 2025
Por outra banda, o presidente da Deputación comunicou a Camiñas a asignación de fondos provinciais que lle corresponderá ao Concello de Rodeiro en 2025 procedentes de diversos plans de investimento municipalista. En concreto serán: 640.000 € do +Provincia 2025; 90.000 € do segundo Plan de Infraestruturas Deportivas e poderá acceder a ata medio millón de euros do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra.