Luis López resalta as fortalezas e o potencial do destino turístico Rías Baixas nunha recepción das e dos profesionais do sector na Casa de Galicia de Madrid

O presidente da Deputación agradeceu o traballo conxunto coas empresas turísticas para consolidar a provincia de Pontevedra como un destino referente en sostibilidade

24/01/2024

Luis lópez na Casa de Galicia de Madrid

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou as fortalezas, o crecemento e o potencial da provincia de Pontevedra como un destino turístico referente en calidade e sostibilidade nunha recepción con representantes do sector turístico que tivo lugar esta tarde na Casa de Galicia de Madrid e no que participaron tamén outros membros do Goberno provincial. O mandatario provincial puxo en valor o esforzo das e dos profesionais para contribuír ao crecemento do destino turístico Rías Baixas, ao mesmo tempo que agradeceu o compromiso do sector para seguir apostando e traballando de xeito conxunto para facer da provincia de Pontevedra “un destino adaptado aos tempos da intelixencia artificial, un destino ambicioso cunha estratexia clara para seguir medrando de xeito controlado e un destino sostible no que o deporte e a cultura son os complementos ideais”.

O mandatario provincial ofreceulles unhas palabras de benvida ás e aos representantes das empresas do sector turístico ao comezo do acto. “O turismo fai que a nosa provincia sexa un fogar para tantos madrileños; hoxe Madrid acóllenos na casa de todos os galegos”, comezou López, quen recoñeceu que existen “poucos escenarios mellores que a Casa de Galicia, pouco público tan especializado e poucas datas mellores que a de Fitur” para falar das Rías Baixas e da súa riqueza. Un discurso no que amosou a súa satisfacción polo feito de que a Deputación e as empresas “compartimos esa paixón e vocación por dar a coñecer o noso paraíso das Rías Baixas”.

Neste sentido, o presidente da Deputación recordoulles que a presentación da campaña 100 % Rías Baixas, presentada na mañá deste mércores en Fitur, supuxo un triplo paso adiante. “Un paso adiante nese desexo irrefrenable que temos por dicirlle ao mundo que Pontevedra é gozar, un paso adiante para remarcar que o noso é un destino sostible e un paso de xigante para descubrir que as nosas Rías Baixas son o destino ideal para viaxar en calquera época do ano”.

O crecemento e a consolidación que As Rías Baixas experimentaron nos últimos anos son froito do traballo e da cooperación conxuntos entre a Administración provincial e o sector turístico. Unha alianza que levou As Rías Baixas a “acaparar titulares de prensa, ocupar os postos máis altos das listas de destinos turísticos de moda e a competir sen complexos con outros lugares exóticos”, afirmou López, quen recalcou que non é necesario ser Hawai para ofrecer experiencias de surf, nin o Caribe para facer mergullo, nin Escocia para ver castelos, nin a Toscana ou Burdeos para presumir de viñedos e viños. “Non somos ningún deses destinos, nin queremos selo, nin falta que fai. Porque somos 100 % Rías Baixas”, reivindicou o dirixente. O da provincia é un modelo de destino turístico de excelencia moldeado pola auga, eixe central da campaña, porque, “mentres noutros lugares é un reto, para nós a auga é unha vantaxe: a súa abundancia distínguenos; os seus froitos fannos únicos”, asegurou.

Tampouco faltou o recoñecemento polos resultados obtidos no pasado ano no ámbito do turismo. “O voso labor ten unha alta cota de responsabilidade no éxito que están a ter As Rías Baixas. A vosa profesionalidade, a vosa determinación co turismo de calidade e o voso compromiso coa sostibilidade fixeron que o ano 2023 fose histórico para o turismo na nosa provincia. Pero, lonxe de conformarvos, vexo un sector enfocado e confiado en facer do 2024 un ano aínda mellor”, valorou Luis López, convencido de que, “e sei que estades de acordo comigo, o turismo na provincia de Pontevedra non tocou teito”.

Con todo, deixou clara a única liña vermella que existe neste camiño de crecemento, “o único camiño posible é o da sostibilidade”, subliñou. “As Rías Baixas son, e deben seguir sendo, sinónimo de espazos naturais de alta calidade ambiental, de experiencias saudables e respectuosas co medio ambiente e de produtos sans, ecolóxicos e de proximidade”, insistiu o presidente da Deputación.

Rematou Luis López o seu discurso de benvida cunha mensaxe de ánimo para aproveitar a presencia das Rías Baixas nunha feira coma Fitur. “Os ollos do turismo mundial miran cara a Madrid. Temos unha oportunidade única para dicirlle ao mundo o que somos. Somos calidade e sostibilidade, somos apoio ao sector e consideración cara a un motor económico, e somos unha oferta infinita de experiencias e recordos imborrables. Somos 100 % Rías Baixas; agora que o saiba todo o mundo”, concluíu.

Galerias de imagenes