Luis López salienta a solidariedade e exemplo de servizo público dos cinco bombeiros do Consorcio que realizaron labores de rescate e reconstrución en Valencia
O equipo, formado por Alberto Agrelo, Alberto González, Marcos Barros, Rubén Sio e Alberto Castro; recibiu os parabéns do presidente provincial polo seu traballo durante seis días nas localidades máis afectadas polas inundacións
14/11/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recibiu este xoves no seu despacho do Pazo provincial aos cinco bombeiros do Consorcio Provincial de Pontevedra para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento que se desprazaron a Valencia para participar nos labores de rescate e reconstrución das localidades afectadas polas inundacións. O mandatario provincial salientou a solidariedade e exemplo de servizo público do que fixeron gala os traballadores e coñeceu de xeito detallado o traballo humanitario que os profesionais do Consorcio prestaron nas zonas afectadas por esta catástrofe nun encontro no que tamén participou a xefa territorial de Emerxencias da Xunta, Blanca García Señoráns e o deputado provincial de Emerxencias, Alejandro Lorenzo. “Non podemos estar máis que agradecidos e orgullosos de que bombeiros do Consorcio Provincial fixeran un traballo moi necesario e aportaran ese gran de area ao acompañamento e rescate das persoas afectadas pola DANA”, recoñeceu López.
O equipo enviado a Valencia polo Consorcio, o primeiro das catro deputacións galegas en mobilizarse e en coordinación co operativo deseñado pola Xunta, estivo formado polos bombeiros Alberto Agrelo, Alberto González e Marcos Barros, así como dos xefes de dotación Rubén Sio e Alberto Castro. Os cinco partiron cara a zona do Levante o pasado luns 4 de novembro, despois de que a Xunta de Galicia solicitara o seu despregamento cumprindo co deber de colaboración entre administracións. “Agradecémoslles a súa disposición desde o minuto un para acudir á zona cero da traxedia”, remarcou o presidente poñendo en valor que os traballadores se ofreceran voluntarios para o desprazamento.
Aos mandos dun vehículo bomba urbana pesada e un vehículo de mando, os cinco bombeiros puxéronse a disposición do posto de mando para, ao longo de seis xornadas realizar labores de realizan labores de busca e rescate de vítimas, retirada de materiais da vía pública, achique de augas en baixos de edificios, garaxes e pasos inferiores; revisión de vehículos ou limpeza de vías nas localidades máis afectadas pola DANA como foron Massanassa, Alfafar, Picaña, Paiporta ou Catarroja.
“Desde o minuto un nos puxemos a disposición do encomendo que tiñamos de ir axudar ás persoas afectadas. Desde o Consorcio pediron xente disposta a ir. Non eramos só nós os cinco, había máis xente disposta a ir de xeito voluntario. Sabiamos que era un escenario preocupante, pero nos puxemos a traballar moi en serio e, aínda que o impacto emocional nos calou, estivemos moi ben coidados alí”, relatou Alberto Castro, voceiro dos bombeiros do Consorcio.
O pasado 11 de novembro, despois de que a necesidade dos servizos que prestan os bombeiros se reducira, os profesionais do Consorcio Provincial puxeron rumbo de regreso a Pontevedra. “Fixeron un traballo excepcional e unha experiencia que os marca a eles e tamén a nós como Administración”, rematou o presidente Luis López.