Luis López presenta este mércores a campaña “100 % Rías Baixas” en Fitur e mantén unha ampla axenda de actividades en Madrid para dar a coñecer a provincia

A auga, o té elaborado en Pontevedra, as rutas arqueolóxicas e unha alternativa para peregrinar a Compostela pola provincia serán as protagonistas da axenda institucional da Deputación en Madrid con motivo da Feira Internacional de Turismo

23/01/2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presenta este mércores ás 12:30 horas no posto de Turgalicia na Feira Internacional de Turismo (Fitur) a campaña “100 % Rías Baixas” e manterá unha ampla axenda de actividades en Madrid para dar a coñecer a provincia. Así, ademais da auga ―eixe central de “100 % Rías Baixas”―, tamén serán protagonistas en Fitur o té elaborado en Pontevedra, as rutas arqueolóxicas e unha nova alternativa para peregrinar a Compostela pola provincia.

O tiro de saída das actividades márcao a presentación da “rompedora, desenfadada e enérxica” campaña coa que a Deputación de Pontevedra promocionará os atractivos da provincia ao longo deste 2024. No acto, que poderá seguirse en directo ás 12:30 horas en 100 % RÍAS BAIXAS (vimeo.com), participarán o presidente provincial, Luis López, a deputada de Turismo, Nava Castro, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, así como deputadas e deputados provinciais, alcaldesas e alcaldes e representantes do sector turístico.

Xa pola tarde, a partir das 19:30 horas, a Deputación de Pontevedra ofrecerá unha recepción na Casa de Galicia, na que participará a delegación da institución provincial, alcaldesas e alcaldes, representantes do sector turístico pontevedrés, español e internacional, e membros de diferentes sectores da sociedade asentados en Madrid.  

As actividades da institución provincial en Fitur previstas para o xoves 25 de xaneiro comezarán ás 12:30 coa degustación do té da provincia de Pontevedra, producido e elaborado pola Estación Fitopatolóxica Areeiro, no posto de Turgalicia. Ás 15:00 horas, Luis López e Nava Castro darán a coñecer “Trazas de Pontevedra”, a ruta arqueolóxica a través do patrimonio castrexo provincial. Finalmente, ás 18:15 horas, será a quenda do Camiño Taverneiro, unha nova proposta para chegar a Compostela atravesando a provincia de Pontevedra.

Ademais, están previstas reunións sectoriais entre representantes de Turismo Rías Baixas e doutras administracións públicas, así como do tecido empresarial turístico de todo o mundo, de cara a poñer en marcha iniciativas de colaboración e promoción do destino Rías Baixas. Tamén terán lugar entrevistas con diferentes medios de comunicación especializados e de información xeral interesados na provincia.