Luis López sinala o Descenso Internacional do Río Miño como un dos eventos internacionais e multitudinarios do “mes de ouro” do deporte na provincia

O presidente provincial participa na presentación da edición número 53 dunha regata que atraerá a máis de 400 padeeiros de distintos países este sábado para completar os 14 quilómetros que separan Salvaterra de Tui

21/08/2024

Presentación do Descenso Internacional do Río Miño

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca que a provincia está a vivir o seu “mes de ouro” no ámbito deportivo pola cantidade, calidade e importancia das competicións deportivas que se celebran nas Rías Baixas ao longo destas semanas, entre as que sobresaen a etapa de La Vuelta a España de ciclismo que se celebrará o vindeiro 27 de agosto entre Ponteareas e Baiona ou o Descenso Internacional do Río Miño, entre Salvaterra e Tui, que se celebra este sábado. “A de Pontevedra é a provincia do deporte e estamos a vivir no mes de ouro para o noso deporte. Por un lado, porque vimos de pechar uns Xogos Olímpicos onde máis da metade dos deportistas galegos eran da provincia e unha vez máis vimos que o piragüismo ten na nosa provincia a súa capital a nivel mundial. E, por outro lado, por todos os eventos que se van celebrar no noso territorio”, afirmou o mandatario provincial, que vén de participar este mércores en Tui na presentación dunha das regatas de piragüismo de maior tradición no país.

O Descenso Internacional do Río Miño, que promove o club de piragüismo Kayak Tudense, celebra este ano a súa edición número 53. Unha proba incluída no calendario do campionato de España de descenso de ríos e na que se agarda a participación de preto de 400 padeeiros de máis de 60 clubs de distintos países que deberán completar o percorrido de 14 quilómetros que separan Salvaterra de Miño de Tui.

Neste sentido, Luis López puxo en valor a transcendencia dunha proba deportiva como este descenso do Miño para o modelo de turismo ligado ao deporte e á natureza que promove a Deputación. “É unha experiencia 100 % Rías Baixas porque mestura á perfección natureza e deporte e demostra que somos unha provincia, grazas a clubs como o Kayak Tudense e a cooperación das institucións e entidades privadas, que organizamos eventos deportivos excelentes”, sinalou o presidente provincial. Así mesmo, o dirixente provincial convidou a toda a veciñanza e visitantes das Rías Baixas a que se acheguen o sábado a desfrutar dunha regata que é referencia pola elevada participación e pola beleza do seu percorrido.

Pero o idilio das Rías Baixas co deporte non remata esta fin de semana en Tui, continuará ao longo de todo o mes de agosto e setembro. Despois das piraguas, será a quenda das bicicletas, coa chegada o día 27 do pelotón de La Vuelta a Ponteareas para completar un percorrido de 160 quilómetros ata Baiona cunha esixente subida ao Alto de Mougás, en Oia. A fin de semana seguinte, en Pontevedra celébrase o mundial sub 20 de loita e unha semana despois, a capital recibe aos mellores equipos de Europa de baloncesto, coa presenza do Real Madrid, Valencia Básket, AS Mónaco e os equipos galegos da ACB Río Breogán e Leyma Coruña, no marco do torneo EncestaRías.

Un calendario completo e variado que demostra que o apoio ao deporte, aos concellos de toda a provincia e a organización de eventos deportivos de alcance internacional son unha área estratéxica para o goberno de Luis López, que tende a man da Deputación para seguir colaborando con clubs, federacións e outras administracións para consolidar ás Rías Baixas como “a provincia do deporte”.

Galerias de imagenes