Luis López sinala a Festa da Ameixa de Campelo como unha homenaxe á xente do mar que converte a provincia nun territorio admirado e visitado por xente de todo o mundo

O presidente provincial participa na inauguración da edición número 36 desta festa gastronómica que se suma ao elenco de celebracións impulsoras dun turismo desestacionalizado e sostible

18/10/2024

Luis López na Festa da Ameixa de Campelo

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinala a Festa da Ameixa de Campelo, unha das celebracións gastronómicas de maior tradición na provincia, como un revulsivo que contribúe a posicionar ás Rías Baixas como un destino turístico gastronómico desestacionalizado. “A Festa da Ameixa é un escaparate turístico de primeira. Unha proposta que combina beleza paisaxística, cultura, gastronomía e un produto de máxima calidade”, declarou o mandatario provincial na inauguración dun evento no que estivo acompañado polo alcalde de Poio, Ángel Moldes, e que “acumula xa 36 anos ofrecendo experiencias 100 % Rías Baixas”.

A trixésimo sexta edición da Festa da Ameixa de Campelo celébrase esta fin de semana nesta localidade do municipio de Poio. Tres días de festexos nos que se poderá degustar en distintas preparacións este manxar propio das Rías Baixas. Nesta tarde de venres tivo lugar o acto inaugural da festa que contou cunha homenaxe aos mariscadores xubilados e aos organizadores da primeira edición deste evento. “Se hai algo que fai especial esta festa, aínda que vos sorprenda, non é a ameixa. Sodes os mariscadores, os visionarios que decidiron organizar a primeira Festa da Ameixa e tamén os que lle deron continuidade. Calquera recoñecemento que recibades quedarase curto”, sinalou o dirixente provincial facendo referencia ao delicado momento que atravesa o marisqueo e lembrando o apoio, con 250.000 euros en axudas, que a Deputación brinda ás confrarías de pescadores da provincia.

Antes de garantir a continuidade da colaboración da Deputación con esta festa, de poñer en valor o traballo dos organizadores e do Concello e de convidar a todo o mundo a desfrutar dunha “experiencia 100 % Rías Baixas” como é esta Festa da Ameixa, o presidente López definiu a Campelo como “a capital da ameixa” e “un pobo mariñeiro no que degustamos cada ano un dos nosos máis deliciosos manxares, unhas praias das que saen os máis ricos bivalvos das Rías Baixas e, polo tanto, do mundo. Algo que só é posible pola dedicación, profesionalidade e respecto pola natureza das mariscadoras e mariscadores desta vila”, rematou o presidente Luis López.

Galerias de imagenes