Luis López inaugura este venres a decoración e iluminación de Nadal do Pazo provincial da Deputación nun acto aberto á cidadanía

O acto terá lugar o venres 29 de novembro ás 19:00 e contará coa actuación musical de Ailá e cunha chocolatada

26/11/2024

Nadal 2024

A Deputación de Pontevedra ultima os preparativos para o acendido do alumeado de Nadal das súas sedes o vindeiro venres 29 de novembro. O presidente provincial, Luis López, será o encargo de inaugurar a decoración e iluminación de Nadal do Pazo da Deputación nun acto aberto á cidadanía que terá lugar o venres ás 19:00 horas e contará coa actuación musical de Ailá e cunha chocolatada.

“Este ano queremos que o Nadal sexa máis noso que nunca e por iso o eixo que empregaremos ao longo destas datas serán as tradicións, apelando á artesanía e autenticidade da nosa provincia”, asegurou o presidente da Deputación. Por estes motivos, este ano o lema será “O noso Nadal” e baixo este paraugas disporase no Pazo provincial dunha gran árbore decorada con elementos tradicionais como zocos, pandeiretas ou elementos de cestería, sobre unha base verde de elementos naturais e nunha estrutura de madeira de dous metros de diámetro.

Na mesma liña, a música tamén será tradicional e o acendido da iluminación de Nadal da Deputación contará coa actuación de Ailá, un grupo que está a traballar na recollida de cantos de transmisión oral de Galicia e está a presentar propostas pensadas para bailar e gozar da música galega desde unha perspectiva moderna e contemporánea. E completará o acto unha chocolatada.

O Pazo provincial e os edificios da Deputación contarán cunhas 250.000 luces eficientes que alumearán durante o Nadal as instalacións do organismo provincial. Ademais está prevista unha completa programación para as familias tanto no Museo de Pontevedra como no Castelo de Soutomaior da que dará conta o presidente na conferencia de prensa deste venres.